Quen se beneficia das políticas municipais? Saquen conclusións!
"Sempre as mesmas políticas: privatizar un ben ou un servizo público e tomar decisións en beneficio das empresas que se lucran con eles a costa da veciñanza. Acordos dos que uns poucos sacan beneficios e a maioría temos que pagar. O colmo do surrealismo: o Concello non só non cobra destas empresas senón que paga para que se enriquezan a costa nosa"
Betanzos, 6 de novembro de 2014. Xa está a chegar a todas as casas do concello un novo número do xornal 'Betanzos e a súa comarca'. Nel vai incluído un artigo do portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, no que reflexiona sobre o estado de varias concesións municipais co gallo do convenio que PSOE e PP aprobaron para pagarlle á concesionaria do aparcamento do Campo. A continuación pódelo ler integramente.
Quen se beneficia das políticas municipais? Saquen conclusións!
Breve reseña da situación das concesións municipais. Na teoría as empresas privadas que xestionan os servizos e bens públicos están facendo negocio a costa do que é de todos e todas e polo tanto teñen que deixar parte das súas ganancias para o Concello, para que a veciñanza teña máis e mellores servizos. No noso Concello a situación é ben distinta.
Exemplo 1. O escándalo do Hotel San Roque. Unha ou varias empresas levan anos, segundo o secretario desde o 2007, sacando beneficios dun edificio público que se non estivera en mans da empresa privada podería ser un centro de día ou un equipamento cultural. Ben, pois estes e empresarios non pagaron un só centimo ao Concello, nin de concesión nin de aluguer nin de impostos. Non pagaron tampouco aos seus proveedores, nin aos seus empregados nin á Seguridade Social. Por fin, o Pleno ven de aprobar unha moción do BNG para facer unha investigación e darlle traslado á Fiscalía porque alguén será responsábel de que un edificio público non deixara un só euro no Concello en 7 anos.
O PSOE permite que a empresa da ORA siga aínda hoxe cobrándonos por aparcar nas nosas rúas cando non paga un euro ao Concello desde hai anos
Exemplo 2. A concesionaria da ORA. A empresa que leva a zona azul da ORA e a retirada de vehículos non paga un euro ao Concello desde hai anos, sen que PSOE e PP reclamasen eses cartos. O PSOE permite que continúe aínda hoxe cobrándonos por aparcar nas nosas rúas.
Exemplo 3. A xestión da auga e da rede de saneamento. Propuxemos que o Concello recupere a xestión da traída e a rede de saneamento, dado que a concesionaria paga por xestionar a auga e traída 3800 euros ao ano. En todo o Concello, gana máis esta empresa só coas facturas dun mes.
Última empresa beneficiada polo goberno local. O aparcamento soterrado do Campo, un dos máis caros da área metropolitana. A empresa tería que estar pagando 6000 euros ao ano por explotalo, pero non o fará até 2029 para compensar unhas obras que fixo. Nun alarde de electoralismo, PSOE e PP aprobaron que lle paguemos 7200 euros ao ano á empresa para aparcar 20 minutos gratis. Seica para beneficiar ao comercio; a ver a que comercio vas e volves desde o Campo en menos de 20 minutos para que che saia de balde. Medida inxusta socialmente que pagará o estacionamento cos cartos de todas e todos nós a un multimillonario que non o precisa e a un desempregado que vaia facer papeis ao Concello. Se lle chegan 20 minutos!
PSOE e PP aprobaron que lle paguemos 7200 euros ao ano á empresa do aparcamento do Campo para aparcar 20 minutos gratis cando tería que pagarlle ao Concello 6000 euros ao ano
Sempre as mesmas políticas: privatizar un ben ou un servizo público e tomar decisións en beneficio das empresas que se lucran con eles a costa da veciñanza. Acordos dos que uns poucos sacan beneficios e a maioría temos que pagar. O colmo do surrealismo: o Concello non só non cobra destas empresas senón que paga para que se enriquezan a costa nosa.