O Pleno, a proposta do BNG, reclama á Xunta que manteña o financiamento dos servizos sociais municipais

“O recorte da Xunta supón un 87% menos de fondos para o Concello de Betanzos”

 

O Pleno, a proposta do BNG, reclama á Xunta que manteña o financiamento dos servizos sociais municipais

“O recorte da Xunta supón un 87% menos de fondos para o Concello de Betanzos”

Betanzos, 30 de novembro de 2011. O BNG presentou no Pleno de onte unha moción para reclamar á Xunta que manteña o financiamento do Plan Concertado de Servizos Sociais e dos restantes instrumentos de financiamento dos servizos sociais municipais. Henrique del Río advertiu de que o recorte da Xunta supón un 87% menos de fondos para o Concello de Betanzos “trasladando o custo da crise ás persoas máis desfavorecidas, que non son os que a provocaron”.

O portavoz municipal do BNG advertiu que este proceder da Xunta “obriga aos concellos a facer fronte ás necesidades contraídas neste 2011 con fondos propios”. Del Río denunciou que “no mes de outubro os concellos aínda non recibiron da Xunta as subvencións do Plan Concertado aínda que  veñen realizando o gasto desde xaneiro”. Neste sentido, censurou que “cando maior é a necesidade de recursos para políticas sociais a Xunta recorta máis de 62 millóns de euros nos orzamentos para o vindeiro ano en ensino, promocion do emprego, sanidade, accion social e outros servizos sociocomunitarios”.

O edil nacionalista cuestionou igualmente os recortes practicados polo goberno central nesta materia e criticou a “postura hipócrita” do PSOE, que “agora fala dos ‘machetazos’ da ‘dereita’ cando estivo aplicando o programa da dereita en contra das maiorías sociais”.

Para Henrique del Río, “PSOE e PP estiveron pasándose a pelota no Pleno” acerca de “quen recortaba máis” pero en ningún momento ofreceron solucións. Neste sentido, citou ao Nobel de Economía Stiglitz, que recentemente na Coruña advertía que “a austeridade por si soa non vai solucionar problemas, vai provocar un crecemento máis baixo” ao ser preguntado polos recortes que anticipou o PP.
 

O Pleno, a proposta do BNG, reclama á Xunta que manteña o financiamento dos servizos sociais municipais