O BNG trasladará en 3 meses á fiscalía a situación do Complexo San Roque se non o fai o goberno
Os nacionalistas exixen ao alcalde que convoque de inmediato, de urxencia se é preciso, á xunta de goberno local para acordar a denuncia en vía civil porque quedan uns días para que non prescriba o dereito a cobrar a renda de 2009 e o PSOE parece que é o que pretende
Betanzos, 5 de novembro de 2014. O BNG reclamou esta mañá toda a documentación sobre o aluguer e a concesión do hotel e estacionamento soterrado do asilo Manuel Naveira para que a comisión de investigación que hoxe se constituíu poida desenvolver os seus traballos como é debido. O portavoz nacionalista, Henrique del Río, advertiu de que sen todos os documentos aos que fai referencia o último informe do secretario é imposíbel que poidamos comezar con bo pé.
Ademais, os nacionalistas reclaman que se marque unha axenda de traballo que permita cumprir co acordado polo Pleno e dar luz a todas as zonas escuras de este asunto, que non son poucas precisamente.
Na comisión volveu quedar de relevo que o goberno local do PSOE non fixo nada por reclamar o pago da renda que adebeda a empresa concesionaria. O PSOE xogou ao despiste reclamando como unha multa de tráfico o que é un alugueiro, e calquera persoa que vive de alugueiro sabe que se non paga, aos dous meses o propietario do inmóbel o denunciará por impago na vía civil, explica Del Río. Por este motivo, desde o BNG exixen ao alcalde que convoque de inmediato, de urxencia se é preciso, á xunta de goberno local para acordar a denuncia en vía civil. Quedan uns días de novembro para que non prescriba o dereito a cobrar a renda de 2009 e o PSOE parece que é o que pretende, que o Concello non poida reclamar eses cartos que son de todas e todos, abundan.
Ademais da investigación administrativa, o Pleno acordou na súa última sesión remitir o informe completo do hotel e estacionamento soterrado á Fiscalía para investigar as posíbeis responsabilidades penais. Se en tres meses o goberno do PSOE non remite á Fiscalía este asunto, seremos nós mesmos quen o traslademos, engaden os nacionalistas.
Se o Concello non vai cobrar nada, que se convirta o edificio nun local de uso público
O BNG insistiu en reclamar ao goberno local do PSOE que pense en favorecer a xente e non a outro tipo de intereses particulares. Neste sentido, os nacionalistas reiteran que se o Concello non vai ingresar nada por este edificio o normal será recuperalo como local de uso público. Precisamente o edificio foi cedido no seu día para albergar equipamento cultural ou asistencial, cousa que tampouco se acaba de cumprir, engade Del Río.