O BNG solicita ao goberno do PSOE que retire unhas contas mais propias do PP
O PSOE non propón ningunha medida para paliar as gravísimas consecuencias que sobre as economías familiares ten esta crise.
O PSOE non propón ningunha medida para paliar as gravísimas consecuencias que sobre as economías familiares ten esta crise.
Betanzos, 30 de xullo de 2012. O BNG presentou hoxe en rolda de prensa a súa valoración dos Orzamentos municipais elaborados polo goberno do PSOE e que se debateran mañá no Pleno.
O portavoz do BNG acusou ao PSOE de elaborar os orzamentos de xeito escurantista e de costas á sociedade. Desde o BNG propuxemos desde o primeiro momento redactar o orzamento dun xeito participativo porque é garantía de transparencia e contribúe a promover a participación e que a xente se involucre na xestión do concello, explicou Del Río, o PSOE optou polo escurantismo, deseñando o seu propio orzamento de costas á sociedade e sen contar con ninguén.
O BNG achegou ao goberno local do PSOE as súas propostas por escrito, de forma pública e participada, recollendo achegas de asociaciacións e diferentes colectivos, engadiu, porén, o goberno local do PSOE non aceptou nin unha soa das propostas do BNG. Segundo os nacionalistas o PSOE tampouco negociou cos empregados do Concello este documento, limitouse a darlles conta o día antes de levalo ao Pleno.
O PSOE promove unha destrución de postos de traballo públicos e unha privatización de servizos: limpeza viaria e xardinaría que, de feito xa están privatizados, como todos os veciños e veciñas sabemos, aínda que o PSOE pretenda ocultalo, informou o voceiro nacionalista.
O BNG acusou ao PSOE de seguir adxudicando recursos desde o goberno local, concretamente 94 600 euros en convenios nominativos a dedo. Exactamente o que lle criticaba ao PP, tentando comprar vontades con cartos de todos.
Peche da emisora municipal e do centro de formación ocupacional
O mesmo PSOE que en maio do ano pasado dentro do seu programa electoral prometía restablecer a programación de radio Betanzos, agora decide pechar a radio municipal e desviar o seu persoal a outros postos, informou o nacionalista, Vese que a radio e os medios de comunicación públicos lle molestan ao PSOE, exactamente igual que ao PP no goberno do Estado.
O PSOE pretende tamén pechar o Centro de Formación Ocupacional, xa que segundo o goberno local é imposíbel mantelo, pero si é posíbel contratar empresas privadas para que impartan os cursos de formación para desempregados. Debe ser o famoso Plan de formación que o goberno tanto leva anunciado, ironizou o nacionalista.
Turismo e comercio, os grandes esquecidos
Este orzamento non prevé unha soa actuación, fóra dun convenio e a semana do pincho e da tortilla, para dinamizar un sector estratéxico para Betanzos como é o comercio. Nin aparece ningunha partida para actuacións no casco histórico e só aparecen 2000 euros para parques e xardíns cos que supoñemos pretenden arranxar todo o Pasatempo. Este é o interese do PSOE no que debería ser unha grande fonte de riqueza para a nosa cidade, concluíu.
O PSOE non propón ningunha medida para paliar as gravísimas consecuencias que sobre as economías familiares ten esta crise. Non incrementan as partidas para bolsas de comedor nin para material escolar e non crean novas bolsas para actividades extraescolares como lle demandou o BNG.
Mentres noutras administracións o PSOE critica a privatización de servizos cando a promove o PP, eles fan o mesmo aquí, reprochou Del Río, o BNG está en contra da privatización e defende os servizos públicos e de calidade na Xunta, no Estado e, por suposto, tamén no Concello de Betanzos.
Os veciños e veciñas que apoiaron ao BNG votaron outra forma de entender a política e non os imos defraudar, asegurou. O BNG solicitoulle ao goberno do PSOE que retire unhas contas mais propias do PP, xa que o BNG con este documento na man vese obrigado a votar en contra.