O BNG reclama no Pleno que o goberno local garanta a calidade da auga das fontes
A iniciativa nacionalista para garantir a calidade dos mananciais chega co gallo do Día Mundial da Auga.
Betanzos, 23 de marzo de 2012. O BNG rexistrou para o seu debate no Pleno unha moción para instar ao goberno local do PSOE a que tome as medidas oportunas para garantir a calidade e seguridade para o consumo das augas das fontes públicas. Os concelleiros nacionalistas Henrique del Río e Xosé Vales advirten na exposición de motivos da iniciativa que son moitos os veciños e veciñas que fan un uso cotián das fontes tradicionais e reseñan o valor patrimonial de moitas destas fontes.
O anterior goberno local colocou adhesivos na maior parte destas fontes indicando que a súa auga non está tratada sanitariamente, indican os nacionalistas, que consideran que o goberno local debera ir máis alá desta simple indicación- e de facela, facela con soportes dignos que non agredan o ornato das nosas fontes monumentais- e garantir a calidade da súa auga, por exemplo mediante controis periódicos.
Os nacionalistas indican que segundo a nova directiva común da auga, a xestión dos acuíferos debe estar orientada ao uso sustentábel da agua baseada na prevención, conservación e restauración dos ecosistemas acuáticos e apuntan que segundo se desprende da Directiva Marco da Auga e das declaracións da Asemblea Xeral da ONU na consideración da auga como un Patrimonio común e do Dereito humano á auga potábel e ao saneamento, a Nova Cultura da Auga considera que os servizos de abastecemento e saneamento deben xestionarse publicamente.
O BNG xa presentou no Pleno varias iniciativas sobre o mantemento das fontes do concello, tanto os exemplos de arquitectura popular- fonte da Señora Jesusa, na Xerpe- como os casos nos que as fontes contan ademais con valor artístico- como a fonte dos Ánxeles. A iniciativa que agora leva o BNG ao Pleno pretende garantir a calidade da auga que mana desas fontes, suxerindo a posibilidade de que o Concello faga controis periódicos da auga para garantir que son aptas para o consumo humano.