O BNG reclama que o goberno local presente un orzamento
Logo de máis dun ano co orzamento prorrogado e diante da enésima operación de modificación orzamentaria improvisada de PP e CxB. “Levan 10 recoñecementos extraxudiciais de crédito, 4 créditos extraordinarios, 45 transferencias de crédito e varios créditos cos bancos e desde 2008 non hai orzamento”. “Ante esta situación, outro no meu lugar estaría a lle pedir a dimisión
Logo de máis dun ano co orzamento prorrogado e diante da enésima operación de modificación orzamentaria improvisada de PP e CxB. “Levan 10 recoñecementos extraxudiciais de crédito, 4 créditos extraordinarios, 45 transferencias de crédito e varios créditos cos bancos e desde 2008 non hai orzamento”. “Ante esta situación, outro no meu lugar estaría a lle pedir a dimisión”.
Betanzos, 28 de novembro de 2009. O do xoves foi un Pleno cun marcado carácter económico, pois todos os puntos da orde do día tiñan que ver coa aprobación de gastos ou con operacións orzamentarias. Por este motivo os concelleiros do BNG reclamaron unha solución á situación económica que atravesa o Concello,
índa co orzamento de 2008 prorrogado. Nas súas sucesivas intervencións, Xabier López e Henrique del Río insistiron na improvisación que rexe a actuación do goberno e a irresponsabilidade con que manexan os cartos públicos. “Por que non hai orzamento?” foi unha pregunta dirixida insistentemente ao equipo de goberno desde os escanos nacionalistas, sen que o goberno conservador explicase a súa “incapacidade” para aprobar o documento que recolle a planificación económica do Concello para o ano.
“Están a converter a excepción en norma e a norma en papel mollado” advertiu o voceiro do BNG en asuntos económicos, Henrique del Río, a respecto da enésima modificación dun orzamento que leva prorrogado desde 2008. o concelleiro nacionalista acusou a PP e CxB de falta de previsión no seu día por “ter que incluír agora necesidades que non se souberon cubrir co orzamento”. O edil do BNG explicou que os novos gastos que o goberno local quería aprobar serían cubertos co remanente de tesourería do 2008, “que sobrepasa os 800.000 euros e que primeiro negaron e logo non lles impediu pedir un crédito ao banco de máis de 1,2 millóns de euros, maniatando ao Concello irresponsablemente ata 2014”. Con esta denuncia poñía de relevo a “falta de planificación económica do goberno, que se rixe pola improvisación”.
O concelleiro nacionalista indicou que as modificacións de crédito propostas por PP e CxB “facendo un uso fraudulento das previsións legais” levan aparelladas os mesmos pasos que a aprobación dun orzamento – isto é, aprobación inicial, exposición pública por quince días para alegacións e aprobación definitiva. Neste sentido lembrou que a aprobación do orzamento permitiría cubrir outras moitas necesidades da cidade e un pequeno alivio fronte a crise. “Por que non hai orzamento?” insistiu.
Valentía, claridade e transparencia
Os betanceiros e betanceiras merecen saber por que o seu goberno non é capaz de aprobar un orzamento, cales son as diferencias que impiden a PP e CxB aprobalo” indicou o BNG. Desde a bancada nacionalista lembraron que cando tiveron responsabilidades de goberno fixeran públicas as súas diverxencias co PSOE a respecto do orzamento “soportando o coste político, con valentía, claridade e transparencia”, apuntou Henrique del Río facendo uso dos lemas da coalición conservadora PP-CxB.
O BNG acusou ao goberno local de pretender ocultar o estado financeiro a que están levando o Concello. “Esta é a 45 transferencia de crédito, as 44 anteriores ocultáronas pero esta era obrigado que a trouxeran ao Pleno” acusou o concelleiro nacionalista, que lamentou ter que enterarse “por fascículos” da “irresponsabilidade” do goberno de PP e CxB en materia económica. “Onde queda agora esa claridade e transparencia tan cacarexada?” inquiriu.
Disposición de diálogo
“Se o problema é que os seus socios non se aveñen a negociar, aquí está o BNG” anunciou del Río ao concelleiro de Facenda. O nacionalista lembrou “a espantada” dos concelleiros de CxB no Pleno en que se tiñan que aprobar as obras do FEIL e que saíra adiante a proposta do goberno local “grazas á nosa xenerosa abstención”. Lembrando que non era a primeira vez que o BNG se ofrecía para dialogar sobre as contas públicas insistiu en que “vostedes xa saben en que medidas e propostas nos van atopar, e en que tipo de dispendios non van atopar ao BNG” –acababa de debatirse no Pleno o gasto de máis de 115.000€ en cinco terrazas de madeira tropical para as cafeterías do Campo.
Exixencia de responsabilidades
“O orzamento de 2007 aprobárono para tres meses, o de 2008 para dous, en 2009 non houbo e o de 2010 xa non vai entrar en vigor en prazo” resumiu Henrique del Río. “Levan alomenos dez recoñecementos extraxudiciais de crédito, catro créditos extraordinarios, corenta e cinco transferencias de crédito e varios créditos cos” insistiu no retrato da “irresponsabilidade” do goberno de PP e CxB. “Supoño que ninguén fai as cousas mal a mantenta, pero ante esta situación, outro no meu lugar estaría a lle pedir a dimisión”. Rematou indicando que “é hora de que asuman as súas responsabilidades neste tema”.