O BNG reclama ao PSOE retirar unha charla de Sánchez Presedo sobre a UE dun ciclo de historia local
Se o PSOE quere organizar unha charla preelectoral dando a súa visión sobre a Unión Europea, que o fagan eles como partido político, non nos parece normal que utilicen os cartos públicos e os medios do Concello para colalo pola porta de atrás.
Betanzos, 1 de abril de 2013. O BNG exixiu no Pleno unha explicación ao goberno local do PSOE polo feito de colar con calzador unha charla preelectoral do PSOE en vésperas das eleccións ao Parlamento Europeo nunhas xornadas sobre historia local. Non nos parece xustificada a charla de Antolín Sánchez Presedo sobre pasado, presente e futuro de Europa dentro deste ciclo de conferencias, indican os nacionalistas.
Se se trata de analizar a Unión Europea e os retos que enfronta entendemos que a forma de facelo sería organizar outro ciclo de palestras ou debates e incluír todas as visións que hai sobre a Unión Europea. Mais meter con calzador no medio da historia do século XVIII a Antolín Sánchez Presedo, deputado do PSOE no Parlamento Europeo, a dar un mitin é unha grosería, criticou Henrique del Río.
Se o PSOE quere organizar unha charla preelectoral dando a súa visión sobre a Unión Europea, que o fagan eles como partido político, indicou Del Rio, o que non nos parece normal nin decente é que utilicen os cartos públicos e os medios do Concello para colalo pola porta de atrás.
Os nacionalistas consideran que sería interesante confrontar as diferentes análises sobre a situación actual e o futuro da Unión Europea. Por este motivo o BNG solicita ao goberno local do PSOE que retire este mitin de Sánchez Presedo dun programa sobre historia local. Os nacionalistas amosanse dispostos a participar noutro ciclo de conferencias que organice o goberno local contando con todas as visións sobre a Unión Europea. Non temos problema ningún en falar abertamente da Europa dos corralitos, dos gobernos títeres da troika e do neoliberalismo, ironizou o voceiro do BNG, ao mellor é o PSOE o que intenta escorrer o vulto do debate.