O BNG presentou iniciativas sobre o amaño das fontes tradicionais
Nin o PP cando anunciaba plans de mellora das fontes, nin o PSOE fixeron nada para evitar a degradación das fontes tradicionais, os dous son cómplices por quedar quietos e ver como se estraga o patrimonio.
Betanzos, 22 de febreiro de 2012. O BNG levou ao Pleno unha iniciativa reclamando ao goberno local do PSOE o acondicionamento da Fonte dos Ánxeles e o seu entorno. Segundo explicou no Pleno o edil Xosé Vales, trátase dunha fonte tradicional de grande valor por ser un exemplo do arte neoclásico en Betanzos. Segundo indicou o concelleiro do BNG, os veciños trasladaron o seu malestar á organización nacionalista diante do estado tanto da fonte coma do camiño de acceso.
No pleno do pasado mes de decembro os nacionalistas presentaron outra iniciativa reclamando diversas obras de reparación na chamada fonte da señora Jesusa, no lugar da Xerpe, en Tiobre. Neste caso, segundo explicaron os concelleiros nacionalistas, o deterioro da fonte é tal que a auga xa nin sae polo cano. Os veciños advertiron desta situación ao goberno, pero non fai nada, indicaron.
A resposta do goberno do PSOE evidencian que non hai disposición de atallar esta situación, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde o BNG entenden que fica demostrado que o plan de mellora de fontes anunciado polo PP antes das eleccións municipais era tan só propaganda. O PP sacou da manga unha morea de plans xusto antes das eleccións en asuntos que non abordou nos catro anos de mandato, como o do Casco Histórico, que tan só eran propaganda sen nada detrás censura Del Río.
Os nacionalistas aseguran que de haber un plan elaborado naquela altura, o goberno de agora teríao executado. Por este motivo, desde o BNG acusan ao PSOE de ser cómplice da degradación das fontes públicas do municipio por quedar quieto vendo como se estragan. Ademais, entenden que como non teñen ningún proxecto que levar adiante desde o goberno, o PSOE inventa plans que non deixan de ser cousas de xestión diaria coma o das rúas.