O BNG presenta un programa de goberno centrado na creación de emprego
As propostas en materia de benestar e desenvolvemento local centran un programa que contén “un modelo de cidade”. O BNG aposta por converter no medio prazo a Betanzos nunha cidade duns 20 000 habitantes cunha elevada calidade de vida, un patrimonio posto en valor e un desenvolvemento sostible.
As propostas en materia de benestar e desenvolvemento local centran un programa que contén “un modelo de cidade”. O BNG aposta por converter no medio prazo a Betanzos nunha cidade duns 20 000 habitantes cunha elevada calidade de vida, un patrimonio posto en valor e un desenvolvemento sostible.
Betanzos, 5 de maio de 2011. O BNG presentou hoxe o seu programa de goberno, un compendio de máis de 200 propostas concretas para reverter a situación de Betanzos que concretan “un modelo de cidade”, segundo explicou o candidato nacionalista á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río. Para elaborar este documento os nacionalistas contaron coa implicación das súas bases e coas achegas de asociacións, entidades e colectivos baixo a coordinación de Anxo Arcay, sexto na candidatura e membro do Consello Local do BNG. Esta forma de redactar o programa de goberno permite que “estea pegado á realidade”, indicou Henrique del Río.
Os nacionalistas explican que con este documento están “poñendo sobre a mesa un modelo de cidade”. Del Río explicou que o BNG aposta por converter no medio prazo a Betanzos nunha cidade duns 20 000 habitantes cunha elevada calidade de vida, un patrimonio posto en valor e un desenvolvemento sostible. Con este deseño aspiran a inserir Betanzos na esixente rede europea das slow cities.
O groso do programa de goberno vai enfocado á reactivación económica de Betanzos e a potenciar aqueles aspectos menos desenvolvidos do potencial da cidade. A proposta do BNG é “desenvolver plenamente o centro comercial aberto e limitar a implantación de grandes superficies comerciais”, segundo explicou o candidato nacionalista. Del Río explicou que o impulso á creación de emprego desde o goberno local será complementada coa creación dun viveiro de empresas, a aprobación dun Plan Xeral que desenvolva máis solo industrial e a homologación de novas especialidades no centro municipal de formación ocupacional.
O benestar, un obxectivo preferente para o BNG
Xunto á xeración de emprego, os nacionalistas apostan no seu programa por incrementar o benestar da veciñanza coa apertura dun centro de día público no antigo ambulatorio. O BNG avoga por desenvolver programas de conciliación e que o goberno local se implique, xunto coas ANPAs, na programación de actividades extraescolares. Henrique del Río explicou que o goberno do BNG irá por diante da demanda de prazas de escola infantil garantindo a cesión de terreos á Xunta antes de que a demanda de prazas supere a oferta existente.
O BNG aposta tamén por rexenerar a vida municipal garantindo que o Pleno sexa un órgano fiscalizador do seu goberno. Os nacionalistas queren crear unha web municipal que permita realizar trámites administrativos e que publique todos os acordos e normativas municipais. Henrique del Río explicou que co BNG a radio municipal será un medio de información e non un gabinete de prensa ao servizo do goberno local.
Os nacionalistas tamén apostan por potenciar a participación cidadá e por ampliar a biblioteca municipal, unha demanda do estudantado betanceiro. Del Río explicou que o Casco Histórico non ocupa un capítulo do programa senón que as actuacións aparecen ao longo dos distintos capítulos porque “esixe unha actuación transversal”.