O BNG pide que o Concello non desconte a paga de Nadal aos seus empregados
Está por ver que liña segue o PSOE, se continúa ignorando aos empregados municipais entregado á liña conservadora que lle marca CxB ou opta por aplicar as políticas alternativas que di defender alí onde non goberna.
Betanzos, 15 de agosto de 2012. O BNG propoñerá no próximo Pleno que o Concello de Betanzos compense a paga de Nadal que o goberno central, do PP, sacou a todos os empregados públicos. Os edís nacionalistas denuncian que este tipo de decisións do goberno de Rajoy adóptanse seguindo sen matices os ditados emanados polo FMI, o BCE ou a UE, cada vez máis pregados aos intereses do capital financeiro transnacional, ocasionan tanto unha continua perda de empregos como un empeoramento das condicións de vida das persoas que manteñen o seu emprego.
O voceiro do BNG, Henrique del Río, asegurou que esta medida agravará aínda máis a crise pois reducir o poder de compra das empregadas e dos empregados públicos afectará moi negativamente a pequenas e medianas empresas, ao pequeno comercio, que é un sector estratéxico para Betanzos. Esta medida súmase á liberalización de horarios e períodos de rebaixas, suba do IVE e mais do IRPF para os autónomos con que o PP quere acabar co pequeno comercio, denuncia.
A medida afectará moi negativamente ao comercio, un sector estratéxico para Betanzos
Por este motivo, os edís Henrique del Río e María Otero propoñerán ao Pleno compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Alcaldía e/ou Xunta de Goberno Local a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo.
Segundo o BNG, hai mecanismos legais para levar adiante esta decisión, polo que dependerá da vontade política do Pleno. Está por ver que liña segue o PSOE, se continúa ignorando aos empregados municipais entregado á liña conservadora que lle marca CxB ou opta por aplicar as políticas alternativas que di defender alí onde non goberna, asegurou o voceiro nacionalista. O portavoz do BNG recordou que para aprobar os orzamentos CxB exixiulle ao PSOE máis destrución de emprego público e o PSOE sumouse gustoso.