O BNG pediu control dos cartos públicos que se achegan á Fundación CIEC
Os nacionalistas advirten que hai denuncias por impago dos traballadores da entidade, mantida con cartos públicos e que ten ao propio Concello no padroado.
Betanzos, 9 de febreiro de 2015. O BNG pediu un cambio na forma de conceder as subvencións por parte do Concello de Betanzos. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, explicou que non hai forma de controlar publicamente os criterios que o goberno local sigue para dar a dedo determinadas axudas. Isto impide un control do uso que se fai dos cartos públicos, lamentou.
Del Río compareceu esta mañá acompañado dun traballador da Fundación CIEC- que prefire manterse no anonimato- para cuestionar estas axudas a dedo. Segundo os nacionalistas, os 5000 euros que o goberno local decidiu entregar a dedo a esta entidade súmanse a outras axudas que lle conceden ao centro a Xunta e a Deputación. E porén a entidade retrásase bastante nos pagamentos ás persoas que ten empregadas, obrigando a algunha delas a recorrer á Xustiza para reclamar o cobro dos seus honorarios.
Ninguén está a cuestionar esta Fundación nin a valía do artista que a creou, simplemente pedimos que se controle o uso dos cartos públicos
A situación é aínda peor se temos en conta que o Concello é membro do padroado desta fundación indicou Del Río. O alcalde, en nome do Concello, e tamén o concelleiro de Cultura a título persoal son integrantes do padroado desta entidade privada, abundou.
Segundo o traballador relatou, mantivo unha xuntanza co alcalde para trasladarlle esta situación, pero como única solución lle ofreceu que acudise a pedir unha axuda de emerxencia social a Servizos Sociais. Parécelle normal ao señor alcalde, integrante do padroado de dita fundación que está financiada ademais con fondos públicos, responder deste xeito a un problema que se dá nunha entidade da que é padroeiro o Concello? preguntaron os nacionalistas no último Pleno da Corporación. O Concello ten unha responsabilidade como membro do padroado, o alcalde non pode mirar para outro lado cando se lle trasladan situacións desta gravidade, lamenta Del Río.
Ninguén está a cuestionar a valía desta Fundación nin a valía do artista que a creou, explicou o edil do BNG. Simplemente pedimos que se controle o uso dos cartos públicos, porque esta situación non é de recibo, asegurou Del Río. Simplemente pedimos que as subvencións que dá o Concello as dea mediante un procedemento público no que calquera poida ver os criterios que se valoran porque a veciñanza ten dereito a saber que se fai cos seus cartos, explica Del Río.
Máis axudas en especias
É a primeira vez que o Concello asina un convenio coa Fundación CIEC e a primeira vez que esta axuda se fai en metálico indicou. Até o ano pasado o goberno local obrigaba unha traballadora do Concello a realizar tarefas de limpeza na sede desta entidade privada, como xa denunciamos no Pleno, explicou o edil do BNG.
O goberno local obrigaba a operarios municipais a realizar tarefas nesta entidade privada
Segundo o traballador asegurou, o Concello estaría tamén asumindo os custos de enerxía eléctrica, subministro de auga e saneamento desta fundación privada. Pedimos a relación de edificios aos que o Concello paga a luz e a auga hai dúas semanas e aínda non nos deu resposta o goberno local, explicou o concelleiro nacionalista. Logo se fan os ofendidos cando lles dis que non hai transparencia e que dificultan o traballo da oposición, exclamou.