O BNG oponse á “amnistía fiscal” de PSOE e PP para os bares do Campo

O BNG oponse á “amnistía fiscal” de PSOE e PP para os bares do Campo

Del Río: “Se hai que perdoar impostos, será a quen non pode pagalos, e e buscar políticas para beneficiar aos máis desfavorecidos”.

Betanzos, 27 de xuño de 2013. O BNG denunciou esta mañá a “amnistía fiscal” que goberno local e dereita pretenden levar adiante na praza do Campo. “O goberno local do PSOE pretende facer ver que é ‘superprogre’ perdoar as taxas do mes de agosto aos negocios de hostalaría do Campo”, advertiu o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Perdoar impostos así é a política da dereita, o verdadeiramente progresista sería desculpar impostos a quen realmente o precisa e buscar políticas para beneficiar aos máis desfavorecidos”, aseguran desde o BNG.

“Volvemos ao debate das terrazas: cartos de todas e todos investidos para que uns poucos saquen beneficio deles”, recordou o voceiro nacionalista. “Estamos a falar duns negocios que fan o agosto grazas ao investimento de cartos de todas e todos nunhas festas centradas exclusivamente na praza do Campo”, advertiron. “Din PSOE e PP que gastar nas festas é dinamizar a economía de Betanzos, pero ao que se ve da súa actuación só hai que dinamizar a economía do Campo e non a dos barrios”, reprocharon.

“O debate é que se o Concello vai desculpar parte dos tributos a alguén, terá que ser a quen realmente o precisa, que non son precisamente estes negocios”, indicaron desde o BNG. “Non se pode invocar a crise económica para subvencionar con 10 000 euros aos bares do Campo cando o PSOE subiu a auga á veciñanza, cando subiron as taxas das actividades deportivas e cando quixeron atracar á veciñanza subindo as taxas da escola infantil de San Francisco”, advertiu Del Río.

Os nacionalistas aseguran que esta “amnistía fiscal” supera os 7000 euros só coas mesas que os locais teñen autorizadas (as que están actualmente instaladas). Pero é que, segundo denunciaron os edís do BNG, con datos do Concello queda demostrado que o goberno local non cobrou as mesas que se instalan a maiores durante o verán (por exemplo as que se colocan entre a calzada e as estruturas fixas das terrazas). Os nacionalistas calculan que en total son máis de 10 000 euros os que perde o Concello. “Isto si que é unha feira franca”, ironizou Henrique del Río.

“O goberno local do PSOE nin puxo orde nas terrazas nin cobrou o que correspondía para financiar os servizos para toda a poboación” denuncian os nacionalistas. “Xa por non falar da modificación a medida das ordenanzas de tráfico para beneficiar a determinados locais”, abundaron. “E agora pretende que pague quen chega apurado a fin de mes e amnistiar aos negocios do Campo”, indicaron.

“Con esta medida estamos subvencionando con máis de 10 000 euros a 9 particulares para que fagan negocio en lugar de procurar atender os intereses de todas e todos”, insistiron desde o BNG. “O Concello vai gastar arredor de 80 000 euros en espectáculos das festas no Campo”, recordaron os nacionalistas.

“O alcalde chora na prensa todos os días dicindo que non ten cartos para cumprir as demandas veciñais e resulta que o goberno do PSOE di que esta amnistía é ‘unha redución non substancial’ na recadación”, denunciou o voceiro do BNG. “Se hai que perdoar impostos, será a quen non pode pagalos”, insistiu Del Río, porque “reducir os ingresos significa ter menos cartos para servizos para quen realmente o precisa”.

Por este motivo, os edís Henrique del Río e María Otero anunciaron esta mañá que o BNG recorrerá a amnistía fiscal que PSOE e PP aprobaron para os bares do Campo coa complicidade de CxB.

O BNG oponse á “amnistía fiscal” de PSOE e PP para os bares do Campo