O BNG leva ao pleno o corralito das preferentes de NGB porque hai afectados na comarca de Betanzos
O BNG presentou outra moción para solicitar a reparación dos escudos das sete provincias do Reino de Galiza na praza de Afonso IX.
Betanzos, 23 de abril de 2012. O BNG levará ao pleno que o Concello de Betanzos celebra mañá unha moción para instar á Xunta de Galiza a exercer as potestades que ostenta sobre Novagalicia Banco para que os centos de adquirentes de participacións preferentes das extintas Caixas de Aforro podan recuperar inmediatamente o investimento realizado.
A iniciativa nacionalista pretende exixir das autoridades competentes, tanto da Xunta de Galiza -dado que moitas emisións foron emitidas polas extintas caixas de aforro antes da súa conversión en Nova Galicia Banco-, como do Goberno do Estado, que proporcionen unha solución satisfactoria ao problema da colocación de participacións preferentes entre pequenos aforradores. Segundo o BNG, esta solución debe pasar pola devolución íntegra dos cartos investidos nestes títulos sen rebaixa de ningún tipo.
Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, a moción pretende buscar solucións aos afectados pola fraude das preferentes e obrigar ao presidente da Xunta a que deixe de agocharse e de criminalizar ás persoas vítimas da estafa bancaria e se poña do seu lado, para que poidan recuperar o 100 por cento do seu aforro. Segundo o BNG, hai varios casos de afectados por esta fraude na comarca betanceira.
Recuperación dos escudos do Reino de Galiza na Feira Nova
O BNG presentou outra moción para solicitar a reparación dos escudos das sete provincias do Reino de Galiza na praza de Afonso IX, dado que "restan varias recreacións aínda visíbeis a carón de varios contrafortes da estrada espidos, de forma que o conxunto xa non forma o conxunto das sete provincias, senón unha estampa extraña imposíbel de identificar polos visitantes da nosa cidade".
Consideramos que esta reparación e mellora do ornato dunha praza da cidade non require de grandes investimentos e que ademais a recuperación destes murais contribúe tamén a recuperar, ademais da praza, parte da memoria colectiva da historia de Betanzos e de Galiza aseguran os nacionalistas no texto da moción.
En 2010 o BNG presentou unha moción moi semellante, sen que os dous gobernos locais que desde aquela houbo cumprisen un acordo idéntico ao que hoxe propomos, asegura Del Río. A proposta do BNG inclúe tamén a instalación dunha praca que explique á cidadanía o motivo da presenza deses sete escudos na praza, o seu significado e o significado do Reino de Galiza, así como o vencello e papel que a cidade de Betanzos desempeñou nel.