O BNG exixe ao goberno local actuacións para evitar as carreiras ilegais no Mandeo

O BNG exixe ao goberno local actuacións para evitar as carreiras ilegais no Mandeo

Os nacionalistas alertaron tamén dun problema dun problema de limpeza viaria que se fai evidente pola presenza de ratas nas rúas.

Betanzos, 6 de decembro de 2012. O BNG levou ao Pleno as queixas dos veciños e veciñas da rúa do Mandeo diante das carreiras de vehículos que teñen lugar algunhas noites por esta rúa e a estrada que leva cara Obre. Segundo indicou a concelleira nacionalista María Otero, as carreiras afectan á seguridade e o descanso da veciñanza, e que ademais están a ter tamén incidencias sobre os “vehículos aparcados regulamentariamente na rúa do Mandeo”.

Diante desta situación, o BNG reclamou ao goberno local do PSOE a adopción de medidas que garantan a seguridade dos veciños e o seu dereito ao descanso. “En que prazos teñen pensado acometer estas actuacións?” exixiu coñecer a edila nacionalista.

Os nacionalistas informaron de que o goberno local do PSOE se nega a contratar persoal para a policía local tendo varias prazas vacantes, unha delas ademais con cobertura nos orzamentos que veñen de aprobar polo falecemento dun policía meses atrás. “O Alcalde negase a contratar persoal para a policía local, aínda tendo os cartos orzamentados para facelo”, explicaron os nacionalistas, “segundo di hai persoal dabondo, cando é evidente que non é así e as consecuencias estanas pagando os veciños e veciñas”.

Solicitude de campaña de desratización

Otero tamén indicou que en varios puntos da cidade a veciñanza ten manifestado a súa preocupación pola presenza de ratas nas rúas. Isto, a xuízo dos nacionalistas, evidencia un “problema de limpeza viaria” e pode supoñer un “problema hixiénico e de saúde pública”. Por este motivo, desde o BNG reclamaron ao goberno local que poña en marcha unha campaña de desratización na cidade.

O BNG exixe ao goberno local actuacións para evitar as carreiras ilegais no Mandeo