O BNG denuncia que o PSOE exclúe da mesa xeral de negociación a representantes dos traballadores
O goberno local do PSOE convocou a mesa xeral de negociación para o vindeiro luns e exclúe desta convocatoria ao sindicato maioritario no comité de empresa que é a CIG.Isto non é unha negociación efectiva cos traballadores, simplemente se lles dá conta dunha decisión que xa está adoptada.
Betanzos, 27 de xullo de 2012. O BNG censurou que o goberno local do PSOE non teña en conta a opinión dos representantes lexitimos dos traballadores laborais do Concello, ao excluir da mesa xeral de negociación ao sindicato maioritario no comité de empresa, que é a CIG.
O goberno local do PSOE convocou a mesa xeral de negociación para o vindeiro luns, coa intención de presentar aos traballadores unha modificación moi importante da Relación de postos de traballo (RPT) e un plan de emprego que supón suprimir prazas de emprego público, informou o voceiro nacionalista Henrique del Río. Este prazo tan escaso responde á intención do goberno local de levar o orzamento a Pleno o vindeiro martes 31 de xullo.
Isto non é unha negociación efectiva cos traballadores, simplemente se lles dá conta dunha decisión que está xa adoptada, engadiu o voceiro nacionalista. O PSOE non ten interese ningún en contar coa opinión dos traballadores do Concello, lévano á mesa xeral de negociación como un puro trámite xa que ven imposto pola lei.
Esta mesa xeral de negociación ten unha validez máis que discutibel, xa que non hai prazo para poder negociar nada nin tan sequera para poder estudar a documentación e, a maiores, exclúen desta negociación ao sindicato maioritario entre o persoal laboral do concello, segundo a propia CIG denunciou publicamente.
Plan de emprego
O goberno do PSOE propón levar adiante un plan de emprego porque asegura que non se pode manter o centro de formación ocupacional. Ademais pretenden eliminar diferentes prazas e cubrir outras, con funcións totalmente distintas, con este mesmo persoal. Este proceder colisiona cos principios legais de acceso á función pública e provisión de vacantes na Administración, indica o voceiro do BNG, Henrique del Río.
O nacionalista abundou no feito de que "cubrir as prazas deste modo e non por concurso, como exixe a lexislación, impide que poida optar a unha destas prazas calquera empregado do Concello que reúna os requisitos e queira optar a ela". Por este motivo, asegurou que os plans do goberno local do PSOE "impiden levar adiante unha mínima carreira profesional no seo da administración municipal".
A través deste plan de emprego, o goberno do PSOE quere levar adiante unha amortización de prazas, que se ben é certo que neste momento están vacantes, pretenden continuar contratando os servizos de limpeza, mantemento viario e xardinaría a empresas privadas, advirte o voceiro nacionalista. De feito estes servizos xa están privatizados como todos os veciños e veciñas saben, a pesar de que o PSOE nos negue as copias dos contratos para demostralo publicamente.
O BNG, en coherencia coa postura que sempre manifestamos sobre este tema, está en contra de que se privaticen os servizos públicos, asegura. Non se pode criticar a privatización de servizos que fai a Xunta do PP e ao mismo tempo promovela alí onde se goberna, indicou o voceiro nacionalista.