O BNG defende a comarcalización de servizos como alternativa ás fusións improvisadas polo PP

O BNG defende a comarcalización de servizos como alternativa ás fusións improvisadas polo PP

O BNG propón suprimir as deputacións provinciais, entidades sen función que gastan máis do 60% dos seus recursos en sosterse a si mesmas.

Betanzos, 27 de marzo de 2012. O BNG proporá no pleno desta noite “iniciar as conversas e negociacións precisas para a creación dunha mancomunidade cos concellos da comarca para comarcalizar servizos como saneamento, transporte público, residuos, turismo e servizos culturais”. Os nacionalistas presentan esta moción “tendo presente que isto contribúe a racionalizar o gasto, mellorar a calidade de vida e extender os servizos públicos ao conxunto da cidadanía”.

O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, entende que “esta medida é, ademais, un paso importante cara a eficiencia no gasto público”. O BNG propón, ademais, suprimir as deputacións provinciais, que “son unhas entidades obsoletas e sen función que gastan máis do 60% dos seus recursos en sosterse a si mesmas”. Del Río asegura que “no pasado ano 2010 os galegos teríamos aforrado 300 millóns de euros se se suprimisen as deputacións”.

Os concelleiros nacionalistas Henrique del Río e Xosé Vales aseguran na moción que “poucas comarcas naturais hai tan marcadas no noso país como a de Betanzos, onde a cabeceira comarcal empresta servizos a todos os veciños e veciñas da bisbarra e estes contribúen tamén a dinamizar o comercio e a vida da cidade”. O BNG considera que “Betanzos non está a asumir o seu papel como cabeceira comarcal deixando por articular a súa zona de influencia natural, o que repercute na calidade de vida da xente.”

“Diante do debate provocado polo PP sobre a fusión de concellos, que afecta ademais a un municipio da nosa comarca, entendemos que a solución aos problemas económicos dos Concellos pasa pola reforma do sistema de financiamento local garantindo fondos suficientes para asumir os servizos que emprestan, por si mesmos ou de forma mancomunada, o que permite menores custos e achegar os servizos a máis persoas”, aseguran os nacionalistas.

Por este motivo, o BNG levará a todos os plenos das Mariñas esta moción instando aos gobernos locais a iniciar os pasos para comarcalizar servizos. Os nacionalistas mariñáns consideran que esta é “unha alternativa seria e viábel ás fusións improvisadas que apadriña o PP para escorrer o vulto diante do debate sobre a supresión das deputacións”.

O BNG defende a comarcalización de servizos como alternativa ás fusións improvisadas polo PP