O BNG defende unha alternativa para o pequeno comercio
"No BNG defendemos un modelo que prime o pequeno comercio fronte ás grandes superficies comerciais, xa que crea emprego de calidade e dá vida ás nosas rúas. Unha aposta decidida, en definitiva, por un sector estratéxico para a nosa cidade".
Betanzos, 11 de agosto de 2012. Nas páxinas do xornal "Betanzos e a súa comarca", editado por ACEBE-CCA, aparece este mes un artigo do voceiro do BNG, Henrique del Río, sobre a situación que atravesa o pequeno comercio e as alternativas que para el defende o BNG. Polo seu interese reproducímolo a seguir de xeito íntegro.
Unha alternativa para o pequeno comercio
O PP ven de aprobar un paquete de medidas que van ter un efecto devastador para o pequeno comercio, un sector moi importante para Betanzos. A suba do IVE e a liberalización dos horarios e as rebaixas están pensados á medida das grandes áreas comerciais e fan moi difícil que o pequeno comercio poida competir.
Ademais, a suba do IRPF do 15 ao 21% aos autónomos convírteos nos primeiros en financiar as arcas do Estado. Ademais, para os autónomos que teñan traballadores, soben os custos da Seguridade Social tanto para os empresarios como para os propios traballadores.
Ao suprimirse a paga extra dos empregados públicos e reducirse as prestacións por desemprego e pensións baixará o consumo, e isto terá repercusións especialmente na campaña de Nadal, a máis importante de todo o ano. Isto vai producir peches das pemes e como consecuencia maior paro e menor consumo.
O goberno local do PSOE, nos orzamentos debatidos este mes, demostrou que non prevé unha soa actuación, fóra do convenio con ACEBE, que nos entendemos necesario, e a semana do pincho e da tortilla, para dinamizar un sector estratéxico para Betanzos como é o comercio. Para o PSOE xa está todo feito o que se pode facer polo comercio coa semana do pincho e a da tortilla.
Tampouco prevén ningunha para actuacións no casco histórico, nin para o PEPOCH nin para o plan integral de dinamización do casco. Só aparecen 2000 euros para parques e xardíns cos que supoñemos pretenden arranxar todo o Pasatempo. Este é o interese do PSOE no sector turístico que debería ser unha grande fonte de riqueza para a nosa cidade, ademais dun complemento para o comercio.
No BNG defendemos outro modelo, que prime o pequeno comercio fronte ás grandes superficies comerciais, xa que crea emprego de calidade e dá vida ás nosas rúas. Unha aposta decidida, en definitiva, por un sector estratéxico para a nosa cidade.