O BNG cuestiona o reparto clientelar de axudas culturais feito por Faraldo desde a Deputación
Coa excusa da falta de fondos o goberno do PSOE provocou un grave prexuízo ás entidades que tiñan que actuar en Betanzos.
Betanzos, 7 de febreiro de 2012. O BNG denunciou o reparto clientelar de subvencións para concellos realizado no último trimestre de 2011 pola Deputación da Coruña. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, cuestionou o reparto realizado pola deputada de cultura, María Faraldo, beneficiando tan só aos concellos gobernados polo PP na comarca. Repite o uso clientelar dos fondos públicos que protagonizou a súa etapa de alcaldesa de Betanzos, lembrou o voceiro nacionalista, que indicou que baixo o mandato de Faraldo eran unha constante a firma de convenios sen fondos con entidades escollidas a dedo.
O voceiro nacionalista denunciou tamén que o goberno municipal do PSOE renunciou ás actuacións incluídas na Rede Cultural da Deputación do pasado ano. Este proceder do goberno do PSOE significou a perda de catro actuacións das que poderían ter gozado betanceiras e betanceiros no pasado ano e a perda do investimento da Deputación neste eido, que rondaba os 6000. Entre as actuacións están varios grupos de gaitas e o espectáculo do Mago Antón, que viña sendo un clásico con grande suceso nas festas de San Roque.
A negativa do goberno do PSOE a contar con estas actuacións na programación cultural do pasado ano supuxo, ademais, que as entidades que tiñan adxudicadas as actuacións perdesen todos os cartos que terían percibido por esas actuacións, segundo Del Río. Coa excusa da falta de fondos o goberno do PSOE provocou un grave prexuízo ás entidades que tiñan que actuar en Betanzos, censuran os nacionalistas.
PSOE e PP están a dar un exemplo nefasto de xestión de fondos públicos en tempos de fabas contadas censuran desde o BNG. Os nacionalistas entenden que o proceder dos gobernos local e provincial semellan máis o goberno dunha finca particular que o da casa de todos os veciños.