O BNG aproveita a visita de Feijóo para defender unha rede pública de escolas infantís
Non se pode predicar unha cousa en Santiago e facer outra en Betanzos, ou incluso posicionarse nun sentido no Pleno e despois facer na practica o contrario, insistiu del Rio, quen pediu ao goberno local do PSOE un pouco de coherencia nas súas actuacións.
Betanzos, 30 de marzo de 2012. O BNG denunciou esta mañá a privatización da escola infantil do Carregal. Cunha faixa co lema Ensino público e de calidade. Os nosos impostos, ao servizo das persoas representantes do BNG da comarca e veciños de Betanzos aproveitaron a visita de Feijoo para manifestar a súa oposición á privatización escola infantil pública de Betanzos.
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, lembrou que o PP entregou un edificio levantado en terreos municipais e cos impostos de todos a unha empresa privada para que faga negocio coa educación dos meniños. O voceiro nacionalista insistiu, ademais, en que a Xunta do PP subiu as taxas da rede pública de escolas infantís para convertelas nun bocado atractivo para a empresa privada ao pasar de 110 euros a 160 na atención educativa. Os nacionalistas denuncian que no servizo de comedor, o PP promoveu unha suba do 112% ao pasar de 33 a 70 euros, e lamentan que a voceira do PP, María Faraldo, cualificase o servizo de comedor coma un servizo voluntario e a maiores no debate plenario da moción do BNG contra a privatización da escola infantil, moción que saíu adiante so co voto en contra do PP.
Os nacionalistas lamentan que o goberno local non tomase ningunha medida efectiva para facer valer o carácter público da escola infantil, tal e como acordou o Pleno do Concello, co apoio do PSOE. Censuran, ademais, que hoxe o executivo do PSOE acudise en pleno a rirlle a Feijóo a ocorrencia de privatizar o centro. Para o voceiro do BNG, Henrique del Río, vai sendo moita hora de que o alcalde aclare se vai retirar a Betanzos do Consorcio de Benestar, como anunciou o PSOE que farían todos os seus alcaldes. Non se pode predicar unha cousa en Santiago e facer outra en Betanzos, ou incluso posicionarse nun sentido no Pleno e despois facer na practica o contrario, insistiu del Río, quen pediu ao goberno local do PSOE un pouco de coherencia nas súas actuacións.