O BNG advirte que os orzamentos do PSOE repiten erros do pasado e exixe un cambio en persoal
A gran maioría dos concellos da comarca teñen orzamentos aprobados, como a legalidade exixe, sen esperar as eleccións andaluzas e o orzamento de Rajoy. Esperamos que agora, por fin, o goberno do PSOE se tome en serio a aprobación do orzamento en Betanzos.
Betanzos, 4 de abril de 2012. O BNG denunciou a irresponsabilidade do goberno do PSOE por non ter ningún interese en aprobar un orzamento. Os nacionalistas reprochan que o executivo local aínda enviou esta semana ao BNG un documento incompleto para iniciar as negociacións do orzamento.
O BNG deixou moi claro en xaneiro que o orzamento tiña que ser elaborado de xeito participativo, indica o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. Os nacionalistas lamentan que o PSOE non só non recollese as suxestións veciñais senón que actuou con total falta de transparencia con respecto a este tema.
Neste sentido, o BNG critica o anuncio feito polo goberno local o pasado 3 de marzo, co apoio de CxB, para adiar a concreción dun borrador até que estivesen aprobados os orzamentos do Estado. A gran maioría dos concellos da comarca teñen orzamentos aprobados, como a legalidade exixe, sen esperar as eleccións andaluzas e o orzamento de Rajoy, ironiza Del Río. Esperamos que agora, por fin, o goberno do PSOE se tome en serio a aprobación do orzamento en Betanzos, conclúe.
Unha proposta que empeora os problemas do persoal do Concello
O goberno do PSOE achegou co borrador dos orzamentos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo. No informe xurídico que acompaña o documento, o propio secretario recoñece que a selección do persoal municipal aínda que na maioría dos casos se fixo baixo criterios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, non se cumpriu con todos os requisitos dunha oferta de emprego público. Isto ven a recoñecer que non se cumpriu coa lexislación vixente á hora de contratar o persoal laboral, que segue sendo persoal temporal logo de vinte anos.
A proposta recolle xa a supresión dos contratos dos operarios do GRUMIR, segundo o goberno local, por non poder mantelos sen a subvención da Xunta. Porén, mantéñense as tres prazas de encargado e xefes de grupo do GRUMIR. Sobre quen van a mandar? pregúntase Del Río. Os operarios do GRUMIR xa anunciaron que levarán aos tribunais estes despedimentos por considerar que teñen dereito a ser recoñecidos como traballadores fixos logo de estar nunha situación de provisionalidade durante 20 anos. O Concello vai gastar un lote de cartos en pleitear contra traballadores por facer as cousas mal durante anos, censuran os nacionalistas.