O BNG achega ao PSOE as súas propostas para os orzamentos municipais
O BNG condiciona o seu apoio ás contas a que o goberno do PSOE dea marcha atrás na privatización de servizos públicos municipais.
O BNG tamén reclama a fin das subvencións outorgadas a dedo.
Os nacionalistas advirten que hai que suprimir ingresos que non existen e que cadran a proposta de orzamentos do PSOE, como os ingresos por unha escola municipal de teatro desaparecida hai máis dun lustro
Betanzos, 12 de xuño de 2014. O BNG mantivo esta tarde unha xuntanza co PSOE para facerlle chegar un documento de mínimos en relación coa proposta de orzamento elaborado polo executivo local. Na xuntanza, na que participaron xunto ao voceiro municipal do BNG, Henrique del Río, as responsábeis local e comarcal do Bloque, Teresa Rivera e Cristina López. O BNG advertiu que participación veciñal, transparencia e negociación cuestións e condicións necesarias para que o Bloque Nacionalista Galego poida negociar calquera proposta de orzamentos.
Neste sentido, o BNG achegou ao PSOE un documento onde recolle as súas demandas para negociar o orzamento. Unha vez que se cumpran os criterios de participación veciñal, transparencia e negociación co persoal municipal, entendemos que o que precisa Betanzos é un cambio de políticas e non un simple intercambio de cromos para mercadear os apoios ás contas do goberno, explicou Del Río.
O BNG reclama a fin das subvencións outorgadas a dedo
Neste cambio de políticas os nacionalistas inscriben un recorte do dispendio en festas e a previsión de fondos para impulso do centro comercial aberto, fomento do emprego, plan de igualdade, fondos contra a violencia machista, normalización lingüística e políticas de mocidade. A pesar de toda a propaganda do goberno local do PSOE, para todas estas cousas non hai un só euro previsto no orzamento, explica o voceiro nacionalista.
Ademais, o BNG demanda blindar nas contas cartos suficientes para acometer investimentos na rehabilitación e posta en valor do Casco Histórico e o Pasatempo.
Fin do proceso de privatización dos servizos municipais
O BNG tamén condiciona o seu apoio ás contas a que o goberno do PSOE dea marcha atrás na privatización de servizos públicos municipais. Manter o orzamento en persoal e suprimir as partidas destinadas aos traballos de empresas privadas no cemiterio, mantemento viario ou na xardinería, explican os nacionalistas. Ademais, exixen do goberno do PSOE o compromiso a poñer fin ás contratacións a dedo aos empresarios que o PSOE elixe para que todas as empresas teñan as mesmas oportunidades de contratar co Concello.
Neste sentido, o BNG tamén reclama a fin das subvencións outorgadas a dedo polo goberno do PSOE, que neste orzamento sobrepasan os 110 000 euros. Hai que facer convocatorias públicas de axudas para os distintos tipos de actividades que desenvolven asociacións e entidades de forma que todas teñan as mesmas opcións de contar coa axuda do Concello, explica Del Río. A proposta actual do PSOE é a de mercar vontades con claro fin electoralista cos cartos de todas e todos, advirte.
Rachar o vínculo coa concesionaria da ORA
Os nacionalistas advirten que hai que suprimir ingresos que non existen e que cadran a proposta de orzamentos do PSOE, como os ingresos por unha escola municipal de teatro desaparecida hai máis dun lustro.
O BNG condiciona o seu apoio ás contas a que o goberno do PSOE dea marcha atrás na privatización de servizos públicos municipais
Ademais, o BNG reclama que se cuantifiquen e se reflexen nos orzamentos todos os ingresos que tiñan que estarse ingresando e non se recadan das distintas concesionarias municipais. E demandan do PSOE o compromiso de romper o vínculo con empresas concesionarias, como o caso da que explota a ORA e guindastre, que non teñen reflexo ningún no orzamento de ingresos e de depurar responsabilidades sobre as decisions politicas que deron lugar a esta situación.
Veremos se o PSOE está disposto a chegar a un acordo e desenvolver as políticas de esquerda que lle prometeu ao seu electorado para chegar ao poder ou se se volve vender á dereita con tal de manter a cadeira, indicou Del Río. O BNG considera que de momento e tal e como está configurado o orzamento con destrución de emprego público, privatizacións e clientelismo, para sacar adiante este orzamento o lóxico sería que o PSOE buscase o apoio do PP.