Advertimos do perigo dunha árbore seca nos xogos do Pasatempo
Del Río: “Non entendemos como esta situación, co perigo potencial que supón, se mantén desde hai meses”.
Carballido: “Se van dicir que é cousa de cartos, táloo eu gratis”
Betanzos, 1 de xuño de 2018. O BNG chamou a atención sobre o perigo que representa un salgueiro de gran tamaño e completamente seco que está situado en plena zona de xogos do parque do Pasatempo. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, advertiu do estado quebradizo que presentan as pólas e a ameaza que supón a súa permanencia a carón da zona de xogos infantís máis concorrida de Betanzos.
“Non entendemos como esta situación, co perigo potencial que supón, se mantén desde hai meses”, explica, engadindo que os servizos de mantemento do Pasatempo son coñecedores desta situación.
Segundo explicou Alberte Carballido, a árbore secou probablemente a consecuencia da aplicación de produtos fitosanitarios e “poden rachar polas e caerlle na cabeza a calquera que estea por debaixo”. Engadiu que as raíces da árbore morta están podres, polo que non suxeitan en pé o tronco, que pode virse abaixo en calquera momento.
As nacionalistas advirten que a principios de maio advertiron desta situación á empresa de xardinería que mantén o Pasatempo, infrutuosamente. “Non pode escatimarse en seguridade, e menos a carón dun parque infantil”, engaden. “Se van dicir que é cousa de cartos, táloo eu gratis”, advirte Carballido, integrante da Asociación Galega de Arboricultura e responsable dunha empresa de poda en altura. “Tan só precisamos que para facer máis rápido os traballos o Concello poña o seu camión elevador o tempo preciso para retirar esta ameaza para as crianzas que veñen a diario ao parque”, explica.
“Non entendemos esta deixadez”, lamenta o edil do BNG. “É unha cousa simple, apenas sen custo, pero que inexplicablemente se deixa estar aí”, relata.