“A RECEITA É APOSTAR POLO PROPIO, POLO QUE NOS FAI DIFERENTES, QUE É O NOSO MAIOR ATRACTIVO, TANTO Á HORA DE DESEÑAR UNHA NOVA POLÍTICA CULTURAL COMO PARA DESEÑAR O BETANZOS DO FUTURO”

Presentamos un programa centrado na posta en valor do patrimonio como fonte de riqueza

“Sabemos que Betanzos pode ser outra cousa. Unha cidade viva, dinámica, consciente do seu potencial, orgullosa da súa identidade”

“A receita é apostar polo propio, polo que nos fai diferentes, que é o noso maior atractivo, tanto á hora de deseñar unha nova política cultural como para deseñar o Betanzos do futuro”

Presentamos un programa centrado na posta en valor do patrimonio como fonte de riqueza

“Sabemos que Betanzos pode ser outra cousa. Unha cidade viva, dinámica, consciente do seu potencial, orgullosa da súa identidade”

“A receita é apostar polo propio, polo que nos fai diferentes, que é o noso maior atractivo, tanto á hora de deseñar unha nova política cultural como para deseñar o Betanzos do futuro”

Betanzos 8 de maio de 2019. O BNG presentou esta mañá o programa co que concorrerá ás eleccións municipais, nun encontro no que participou o candidato á alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, xunto con Amelia Sánchez e Vanessa Rey, números dous e tres da candidatura nacionalista.

“Fixemos unha tarefa de posta a punto do proxecto de cidade que temos para Betanzos contando coas achegas de entidades, colectivos e veciñanza recollidas no último ano e medio e mais coas que chegaron pola app e as redes sociais”, explicou Del Río. “A participación da xente no noso proxecto é fundamental e por iso quixemos incorporar as propostas recibidas por distintos medios”, abundou.

Sete grandes áreas vertebran o proxecto de cidade do BNG: a democratización do Concello, un novo modelo de cidade e unha nova relación co entorno, unha política cultural que aposte polo propio, a defensa dos servizos públicos de calidade e a creación de emprego. Canda elas, políticas específicas para a mocidade e devolverlle a Betanzos a vocación de cabeceira comarcal suman varios centenares de propostas concretas, plasmadas nun programa que se pode consultar xa no web e nunha versión reducida para consultar en papel.

“A receita é apostar polo propio, polo que nos fai diferentes, que é o noso maior atractivo, tanto á hora de deseñar unha nova política cultural como para deseñar o Betanzos do futuro”, explicou Del Río. “Sabemos que Betanzos pode ser outra cousa. Unha cidade viva, dinámica, consciente do seu potencial, orgullosa da súa identidade” explicou.

Queremos un Betanzos que recupere e poña en valor a súa historia que se afirme no que nos fai diferentes, o Casco Histórico, o Pasatempo, o Mandeo e o Mendo, a ría, o viño e o repolo, ... para innovar e seguir a construír o futuro que merecemos” engadiu..

O programa das nacionalistas inclúe un tratamento transversal das políticas de igualdade. ”Trátase dunha cuestión fundamental, de xustiza social”, explicou Vanessa Rey, número 3 da candidatura. “Os nosos orzamentos incluirán partidas para poñer en marcha medidas concretas para previr e atallar condutas machistas, e deixaremos de financiar actos que perpetúan os roles machistas”, abundou.

Un novo modelo de cidade

O BNG propón un novo modelo de cidade, diferente ao que durante décadas desenvolveron PSOE e PP. “Unha cidade máis moderna e dinámica para vivir e traballar, da que sentirnos orgullosas todas as veciñas, con servizos públicos de calidade, que lidere a comarca e aposte polo propio para evitar ser outra vila dormitorio máis” explica Del Río. “Sabemos facelo, estámolo facendo en vilas e cidades parecidas a Betanzos, como Allariz, Ribadeo ou Pontevedra” apuntou.

Transparencia da xestión municipal

Outro dos piares do programa de goberno do BNG é a transparencia, a información e a participación cidadá. “Un cambio na forma de facer política, gobernando co pobo e non de costas a el” explica a número dous da candidatura, Amelia Sánchez. “Participación da veciñanza nos orzamentos e no deseño do Plan Xeral e outros documentos de importancia, converter a web municipal nun instrumento de información e non en mera propaganda” detalla algunha das medidas.

“Son cousas que comparten moitas das nosas veciñas sobre como debería ser a nosa cidade, como poderiamos mellorar” explica Del Río. “Temos un proxecto claro e queremos unir á cidade en torno a este proxecto común, con humildade, pero coas ideas claras”, conclúen.