Levamos a Pleno as queixas pola situación de abandono do parque da Condesa

Un acto do BNG na Condesa
Un acto do BNG na Condesa

As nacionalistas demandaron que o goberno local limpe e adecente o parque construído sobre o antigo vertedoiro municipal para que poida ser usado pola veciñanza.

Desde o BNG cuestionan que o executivo vaia gastar 180 000 euros no amaño do pavimento do Campo en lugar de atender os barrios.

Levamos a Pleno as queixas pola situación de abandono do parque da Condesa

As nacionalistas demandaron que o goberno local limpe e adecente o parque construído sobre o antigo vertedoiro municipal para que poida ser usado pola veciñanza.

Desde o BNG cuestionan que o executivo vaia gastar 180 000 euros no amaño do pavimento do Campo en lugar de atender os barrios.

Betanzos, 28 de setembro de 2017. O BNG trasladou ao Pleno as queixas dun grupo de veciñas da Condesa polo deficiente estado de conservación dun dos parques infantís do barrio, concretamente o situado nas proximidades da pista polideportiva. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “as partes de madeira dos xogos están rotas e mesmo podres, provocando inestabilidade, desprendementos de elementos e partes desfeitas en achas, co conseguinte perigo para as crianzas que van xogar a el a diario”.

Cuestionamos que o goberno local vaia gastar 180 000 euros noutro amaño no Campo en lugar de atender os barrios

“Este parque, polo que sabemos, non foi incluído no plan provincial co que se están amañando outros” indicou o nacionalista. Por este motivo, demandaron ao goberno local un amaño urxente dos xogos infantís para evitar algún percance. Do mesmo xeito, e dado que non hai cartos para investir nos parques infantís no orzamento que PSOE, BN e BeC aprobaron recentemente, as nacionalistas preguntaron como pretende financiar a reparación o executivo.

“Non nos parece normal racanear o mantemento de algo tan sensible coma un parque infantil até que se atope nesta situación”, indican. Desde o BNG cuestionan que o executivo vaia gastar 180 000 euros no amaño do pavimento do Campo en lugar de atender os barrios.

Limpeza do parque do vello vertedoiro para que poida ser usado pola veciñanza

Do mesmo xeito, as nacionalistas demandaron tamén que o goberno local limpe e adecente o parque construído hai décadas sobre o antigo vertedoiro municipal, tamén na Condesa. “O estado de conservación deste parque é pésimo, con broza, os restos dos bancos que un día houbo e outros enseres de maneira que, na practica, non pode ser gozado pola veciñanza” explican. Advirten que “no mellor dos casos, ten puntual atención cun desbroce unha vez ao ano” mais que en todo caso é “algo moi diferente ao coidado que unha zona verde require, sobre todo nun municipio tan falto delas coma o noso”.

Ademais, reclamaron ao goberno local que mellore a iluminación no lugar para evitar as “carreiras ou probas similares de vehículos nas noites da fin de semana”. Neste sentido, demandaron que o goberno local adopte as medidas precisas para atallar estes problemas.