O BNG solicita melloras na estación de tren de Betanzos-Cidade

Presentación da campaña Queremos Tren
Presentación da campaña Queremos Tren

As baldosas do chan están deterioradas, a vexetación medra por todas as partes, hai numerosas pintadas nos muros e o lixo é visíbel por toda a infraestrutura. Certamente, semella un lugar abandonado e sen uso.  O Concello e a ADIF deben desenvolver estes labores de mantemento canto antes.

O BNG solicita melloras na estación de tren de Betanzos-Cidade

Betanzos, 10 de marzo de 2022.- O BNG de Betanzos expresou a súa preocupación polo deplorábel estado de conservación que ofrece a estación de tren de Betanzos-Cidade na pasada sesión plenaria. A estación de tren de Betanzos leva anos pechada, igual que a de Betanzos – Infesta e actualmente só funcionan como apeadeiro para as persoas usuarias deste transporte público. 

En palabras da voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “as baldosas do chan están deterioradas, a vexetación medra por todas as partes, hai numerosas pintadas nos muros e o lixo é visíbel por toda a infraestrutura. Certamente, semella un lugar abandonado e sen uso”. 

O Bloque Nacionalista Galego exixiu que se tomen cantas medidas sexan necesarias para mellorar esta cuestión e para mellorar o aspecto e os usos da mencionada estación. “O Concello e a ADIF deben desenvolver estes labores de mantemento canto antes”, engadiu Sánchez. “O estado do edificio modernista, ademais, resume perfectamente a conservación do patrimonio en Betanzos e mais a calidade do servizo para a veciñanza”, lamenta a voceira nacionalista.

Cómpre lembrar que o BNG está a levar a cabo unha campaña para mellorar as comunicacións ferroviarias na comarca das Mariñas baixo o lema “Queremos tren”, unha campaña en que se incluirían as melloras infraestruturais e de servizos da liña A Coruña-Ferrol e na liña A Coruña – Monforte. 

O BNG solicita melloras na estación de tren de Betanzos-Cidade