O BNG lamenta o pacto de PSOE, PP e CxB para evitar que a veciñanza participe na xestión da radio

O BNG lamenta o pacto de PSOE, PP e CxB para evitar que a veciñanza participe na xestión da radio

Os nacionalistas propuxeron no Pleno que colectivos veciñais e culturais tivesen cabida nun consello que supervisase a programación e contidos da emisora local para garantir o seu carácter aberto e participativo. Os nacionalistas recriminan a hipocrisía de CxB, que pasou de defender durante tres meses no Pleno a privatización da emisora municipal a “pretender erixirse en valedor da radio”.

Betanzos, 18 de xuño de 2013. O BNG lamentou que PSOE, PP e CxB se puxeran de acordo para excluír á veciñanza dun consello que regule os contidos de Radio Betanzos. Os nacionalistas propuxeron no Pleno que colectivos veciñais e culturais tivesen cabida nun consello que supervisase a programación e contidos da emisora local para garantir o seu carácter aberto e participativo.

“PSOE, PP e CxB, que promoven consellos ‘de participación’ baleiros de contido, estiveron rapidamente de acordo en evitar que a veciñanza puidese ter voz e voto no control da radio pública municipal”, lembra o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Onde a participación veciñal ten realmente obxecto e alcance, non tardan en poñerse de acordo para evitar que a xente fale directamente”, reprochan desde o BNG. “Semella que lles molesta escoitar á veciñanza que representan”, ironiza.

Onde a participación veciñal ten realmente obxecto e alcance, PSOE, PP e CxB non tardan en poñerse de acordo para evitar que a xente fale directamente

Os nacionalistas recriminan a hipocrisía de CxB, que pasou de defender durante tres meses no Pleno a privatización da emisora municipal a “pretender erixirse en valedor da radio”. “Non entendemos que clase de participación e garantía de pluralidade ofrece que unha comisión do Pleno, a porta pechada, fale da radio”, indican. “Unha comisión do Pleno repetiría os mesmos xogos de maiorías que o Pleno e non garante unha información veraz e plural nin contidos plurais e participativos, como ben demostran o NO-DO en que o PP convertiu, a pesar da comisión do Parlamento que a regula, a TVG ou TVE”, insisten.

O PSOE tiña a radio para facer propaganda política cando tiña maioría absoluta e está visto que prefire ter a radio pechada que permitir que emita contidos plurais

Do mesmo xeito, desde o BNG critican que, malia os informes xurídicos en contra, o PP teime en privatizar a emisora local a toda costa. “Mentres lles serviu de NO-DO a eles non lle tocaron, e agora coa excusa da crise queren desmantelala”, reprocha Del Río, que recorda que “non se acordaron da crise cando fundiron 73 000 euros dun plan anticrise nun novo estudo para a radio que está por estrear”.

http://youtu.be/__lk81ZEYgQ

Os nacionalistas recriminan ao goberno local do PSOE que “a pesar de que hai varios meses que anunciaron a reapertura da radio, continúan téndoa pechada e aos seus traballadores facendo outros cometidos de forma irregular”. “O PSOE tiña a radio para facer propaganda política cando tiña maioría absoluta e está visto que prefire ter a radio pechada que permitir que emita contidos plurais”, reprochan.

“O modelo que comparten PSOE, PP e CxB para a radio non permite unha emisora aberta, os contidos plurais e as propostas participativas que entendemos teñen que caracterizar unha emisora municipal”, indica Del Río. Lamentan que a dereita e o goberno local xuntasen forzas para votar contra a proposta do BNG para crear un consello participativo con asociacións, entidades e grupos políticos da Corporación para garantir que a emisora estea “realmente aberta e ao servizo da veciñanza”.