Solucións para facerlles frente

Solucións para facerlles frente

Propomos rachar coas políticas fracasadas do neoliberalismo- que en Betanzos tamén practica o PSOE desde o goberno local- e garantir un goberno que camiñe a carón da maioría da xente e solucione os seus problemas.

Betanzos, 9 de outubro de 2012. O xornal "Betanzos e a súa comarca" que edita mensualmente ACEBE-CCA recolle no seu número deste mes un artigo de opinión do candidato do BNG ao Parlamento de Galiza Henrique del Río con algúns aspectos do programa do Bloque. Polo seu interese a continuación reproducímolo de xeito íntegro.

Solucións para facerlles frente

Núñez Feijoo foi o peor presidente da Historia de Galiza. É clamorosa a súa despreocupación polos problemas da Galiza real: as persoas sen emprego e os centos de miles de mozos e mozas que deben emigrar- a pesar da promesa do PP de rematar coa crise en 45 días-, as persoas pensionistas que deben pagar por medicamentos e sobre todo, polos sectores produtivos galegos.

Desde a súa chegada ao poder vimos como se privatizaban servizos públicos- como a escola infantil do Carregal-, non se construían as infraestruturas de benestar que estaban comprometidas- como o centro de día no antigo ambulatorio ou o novo colexio para desconxestionar o Vales Villamarín-, ou se recortaban as prestacións- como a atención médica para desempregados que o PP intentou retirar ou da atención de pediatría polas tardes, por citar casos que se deron na nosa propia cidade.

Fronte a esta despreocupación pola xente do PP, que só ten como preocupación recortar servizos e prestacións para pagarlle á banca, o BNG preséntase a estas eleccións cunha aposta decidida polo tecido produtivo, apoiando a xente do agro e do mar, e por unha banca pública galega, que financie ás PEMES sen permitir estafas como a acontecida coas participacións preferentes.

O BNG propón un cambio de políticas, abandonar a austeridade de PSOE e PP cos que menos teñen para levar adiante medidas para a creación de emprego, defensa dos dereitos da cidadanía e dos servizos públicos. Para garantir a supervivencia do pequeno comercio e facer da nosa ría unha fonte de emprego e riqueza. Propomos rachar coas políticas fracasadas do neoliberalismo- que en Betanzos tamén practica o PSOE desde o goberno local- e garantir un goberno que camiñe a carón da maioría da xente e solucione os seus problemas.

O Goberno do PP deixa de herdanza a peor situación económica dos últimos 30 anos. Para facerlle fronte a esta política de recortes hai que sumar apoios a unha forza como o BNG que defende un modelo socioeconómico diferente, que aposte por potenciar os sectores produtivos, a democracia e a participación da cidadanía nas decisións políticas. O 21 de outubro hai dúas opcións: ou votamos por máis do mesmo, polas políticas do PP que xa vemos a onde nos están levando, ou apostamos polo BNG, a alternativa para saír da crise e para defender ás clases populares que padecen día tras día os recortes e a austeridade dunha dereita só preocupada pola banca.

Solucións para facerlles frente