Imprimir

Resumo do pleno do 28 de agosto de 2018

bngbetanzos | 31 de Agosto de 2018

Henrique del Río nun pleno
Henrique del Río nun pleno

Ofrecémosche os nosos posicionamentos e sentido de voto no Pleno, con enlace ao audio dos debates cando houbo debate de fondo das propostas.

Ofrecémosche os nosos posicionamentos e sentido de voto no Pleno, con enlace ao audio dos debates cando houbo debate de fondo das propostas.

1. Aprobación, se procede, do borrador da acta da sesión anterior. 
O goberno local non a presentou

2. Dar conta de decretos da Alcaldía e asuntos varios.
Relación de decretos e informe do período medio de pago.

3. Moción do PP para que o Concello de Betanzos realice un plan ou estudo do estado de barrios e parroquias.
Cuestionamos que haxa que facer un plan deste tipo, entendendo que o diagnóstico témolo feito cada grupo desde o momento en que se presentan iniciativas pedindo amañar cousas ou executar obras. Mais tampouco imos opoñernos, ao entender que canta máis información, mellor.

4. Moción de BN sobre a licenza para gasolineira no barrio da Condesa.
Lamentamos que os propoñentes non apoiasen unha moción cos mesmos puntos de acordo presentada polo BNG o pasado mes de xullo, á que acrescentamos incluso un punto que eles mesmos propuxeron. PEdimos que se nos aclare que mudou nun mes para que, logo de criticar a nosa moción, agora se presente unha idéntica en acordos e argumentación, lamentando que os propoñentes antepoñan a súa comenencia electoral aos intereses da veciñanza, advertindo que así non se paraliza a gasolineira da Condesa, que era a nosa urxencia o mes pasado.
Insistimos en que o goberno actuou de maneira desleal coa veciñanza, ocultando por un ano a tramitación da licenza até á Corporación, e que pegado á Condesa, na zona de expansión da cidade e proxima a varios elementos patrimoniais (Pasatempo, Convento de Donas, Camiño Real, etc) non nos parece a mellor ubicación dunha gasolineira a 200 metros da das Cascas. 
Votamos a favor porque os acordos son os mesmos que propuxemos o mes pasado. 

5. Moción do BNG relativa ao botellón
Esta é a moción que presentamos, aprobada por unanimidade:

Nas últimas semanas, coincidindo coas diversas festas do verán e as vacacións académicas, tense reaberto en boa parte da nosa veciñanza o debate en torno ao botellón. Na nosa cidade o principal lugar no que a mocidade se reúne con esta finalidade é o paseo das Monxas, mais tamén noutros lugares máis afastados como a explanada da feira en Talai. 
No BNG consideramos que o ‘botellón’ como fenómeno social complexo, vinculado ao ocio e á mocidade, non pode ser considerado en si mesmo como un problema, con independencia de que xenere problemáticas fundamentalmente no ámbito da convivencia cidadá. Consideramos que é un fenómeno que pon en evidencia a necesidade e demanda por parte da mocidade de lugares de encontro e ocio alternativos aos convencionais: espazos públicos, libres e abertos fronte a espazos pechados con problemas como o excesivo ruido, masificación,… E cremos, tamén, que ten unha vertente positiva, por ser un modo de socialización da mocidade e un modelo de ocio alternativo.
Con todo, non podemos pasar por alto que presenta problemas de convivencia, producidos pola aglomeración de persoas e que atinxen a aspectos como o descanso, a limpeza, o vandalismo,…-que non son exclusivos do botellón e que poden xeralizarse ao conxunto de eventos de masas celebrados na nosa cidade, sen ir máis lonxe. E, sobre todo, o problema da facilidade de acceso das menores ao consumo do alcol e, en xeral, ao consumo irresponsábel do mesmo.
Mais, con todo, non podemos aceptar a vinculación directa ou a relación causa-efecto que se pretende estabelecer entre o fenómeno do ‘botellón’ e o alcolismo como problema de saúde pública. O fenómeno do ‘botellón’ dá cabida a mozos e mozas que non consumen alcol, aos que o consumen responsabelmente e aos que o fan irresponsabelmente. Polo tanto o problema do alcolismo é independente do lugar, hora ou dos fenómenos nos que se manifeste. Por iso, as políticas de saúde pública deben ir dirixidas ao consumo de alcol en xeral, sen asocialo a ningún ámbito ou fenómeno en particular.
Estamos diante dun fenómeno complexo, poliédrico, no que adoitan cargarse tintas nunha parte negativa que non é exclusiva destas xuntanzas de xente nova e que, evidencian, ademais, as eivas que como sociedade temos.
Neste sentido, consideramos que se debe garantir o dereito ao descanso e o dereito ao ocio en espazos públicos e abertos, compatibilizando ambos os dous dereitos. Para garantir a convivencia cidadá a solución pasa por regular a localización dos espazos públicos e abertos de ocio nocturno, determinando aqueles nos que, para garantir a convivencia e o dereito ao descanso, non se poden permitir as aglomeracións de persoas (‘botellóns’ ou outras concentracións) en determinados horarios. A regulación, que debe estabelecerse a través do diálogo, pode ser formal (mediante ordenanzas, por exemplo) ou informal (mediante o consenso e acordo expreso entre as partes implicadas: mocidade, residentes, goberno local,…). 
A limpeza do espazo é fundamental, e cremos que o goberno debera promover, en colaboración cos mozos e mozas, accións dirixidas a garantir a limpeza, a conservación dos espazos urbanos, etc...  nos lugares onde se produzan este tipo de concentracións. Enfatizando, ademais, que o río Mandeo, a carón do peirao das Monxas, é un espazo natural de valor extraordinario e que a conservación do mesmo pasa por xestos pequenos como recoller o lixo. Porque para pasalo ben non é preciso luxar e contaminar o medio.
Neste tipo de campañas tamén cómpre enfatizar o respecto aos valores patrimoniais do entorno- tanto naturais, como do patrimonio cultural ao celebrarse no Casco Histórico, como das embarcacións tradicionais dos peiraos- a fin de evitar comportamentos incívicos asociados ás aglomeracións de persoas.
E finalmente, debería facerse un esforzo en levar até estes lugares, en colaboración con outras Administracións, asociacións e mesmo locais de hostalaría, campañas de saúde pública fronte ao consumo irresponsábel de alcol –da xente nova e da xente maior, nos ‘botellóns’, nos locais de hostalaría ou no ámbito privado-, e tamén de prevención contra a violencia sexista adaptadas á mocidade.
A nosa cidade, ademais, non conta con opcións de lecer alternativo para a mocidade. E o Concello debera facilitar que a mocidade poida elixir, fomentar inquedanzas e hobbies. Trátase de ter onde elixir sen obrigar a mocidade a ter que ir á cidade da Coruña. Houbera unha experiencia no mandato 2003-07, cando dirixía a Concellaría de Mocidade o BNG, de formular un ciclo de lecer alternativo para a mocidade ao longo do ano con distintas actividades. Non se mantivo, optando, no mellor dos casos, por actos puntuais inconexos, cando está probado que as cousas que funcionan son as que teñen unha dinámica mantida no tempo.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción da seguinte

MOCIÓN

  1. Instar ao goberno local a:
    1. Desenvolver campañas dirixidas especificamente á mocidade sobre o botellón, incidindo na limpeza e respecto ao entorno e á convivencia
    2. Incrementar a limpeza destes espazos e dotalos de servizos sanitarios para evitar molestias á veciñanza
    3. Poñer en marcha un programa de alternativas de lecer para a mocidade ao longo do ano
  2. Facultar á Alcaldía e/ou concelleira en quen delegue a tomar as disposicións necesarias para cumprir este acordo.

Betanzos, 22 de agosto de 2018

6. Moción do BNG sobre a retirada de vehículos na vía pública.

Pedimos que se implante servizo público de guindastre polos prexuízos que a veciñanza sofre. Levou o voto en contra do goberno do PSOE e favorable do resto.

Desde febreiro do pasado ano, e logo de varias prórrogas irregulares, o Concello quedou sen contrato para o servizo de retirada de vehículos na vía pública, o guindastre. Sabemos que sacaron un negociado, iniciado o pasado 11 de xaneiro. Incumprindo os acordos sobre contratación pública deste Concello, o executivo local decidiu convidar só a tres empresas, Grúas Garaboa SL, Grupo Mandín SL e Manuel Rey SL. Sen que haxa contrato, pois a alcaldesa asegura que se arquivou nunha resposta dada a este grupo polo que sabemos o goberno local ven encomendando en determinados casos a retirada de vehiculos a unha destas firmas en concreto. 
Sabemos tamén que á veciñanza, cando chama aos servizos municipais pedindo que se retiren coches sobre beirarrúas, diante de portas ou sobre vados que impiden o normal tránsito, díselles que non hai guindastre para retiralos. A pesar de que o goberno local anunciara, cando se puxo fin ao contrato de ORA e guindastre, que seguiría dando o servizo. Hai meses outro grupo trouxo a pleno este tema, sen que vexamos solucións para este problema.
O Concello ten, conforme ao contrato extinguido, un vehículo guindastre da súa propiedade. Ou debera ter. E ten persoal para facer o traballo ou ten posibilidade de contratar persoal para facelo. Entre outras cousas porque a ordenación do tránsito rodado é un servizo obrigatorio para un concello coma o noso, por ter precisamente Policía Local para este fin. 
No BNG temos a sensación de que o goberno local tentou gañar tempo con esta situación, sen buscar ningún tipo de solución, para provocar un escenario que levase a asumir á veciñanza que non hai alternativa posible ao contrato de ORA e guindastre inzado de irregularidades que se extinguiu en febreiro do pasado ano. E no que chega ese escenario, é a veciñanza quen está a pagar as consecuencias deste modo de actuar do goberno local, con prexuízos a diario.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción da seguinte

MOCIÓN

  1. Instar ao goberno local a implantar un servizo publico de retirada de vehiculos da via publica, formando ou contratando persoal municipal
  2. Facultar á Alcaldía e/ou concelleira en quen delegue a tomar as disposicións necesarias para cumprir este acordo. 

Betanzos, 22 de agosto de 2018

7. Rogos e preguntas
Presentamos as seguintes preguntas para a súa resposta na vindeira sesión:


1. A veciñanza da rúa Cruz Verde advertiunos do estado de abandono que presenta a zona verde ubicada entre os bloques de pisos e as vivendas unifamiliares situadas fronte a rúa Irmandades da fala. Porque motivo está abandonada esta zona verde constituíndo xa non unha zona de lecer para a veciñanza senón nun problema de seguridade pública.

2. Temos recibido queixas da veciñanza polo cheiro da rede de saneamento e o estado de limpeza das rúas durante todo o verán, có deficiente servizo de recollida de lixo por conta do consorcio. Porque motivo non se lle require a limpeza da rede de saneamento á empresa concesionaria? Porque motivo non se lle demandou do Consorcio que reforce os servizos de recollida de lixo na temporada estival?
Consideran que o estado de suciedade que presenta Betanzos sobre todo no verán é de recibo tanto para a veciñanza como para os visitantes?

3. Temos coñecemento de que General de Edificios y solares SL, división inmobiliaria de Gas Natural – Unión Fenosa, non só incumpriu a orde de execución ditada polo goberno local senón que a ten recurrida. Ao igual que recurriu a denegación da licenza de demolición do monumento industrial da Fábrica da Luz. Non observamos ningún tipo de actividade por parte do concello encamiñada a garantir a conservación deste inmóbel. Que medidas con caracter inmediato teñen pensado adoptar? Solicitamos que as detallen. En qué prazos?

4. No paseo de Antolín Faraldo hai varios bloques de granito de grandes dimensións dos muros do peirao soltos, coa conseguinte ameaza para a seguridade tanto dos viandantes como dos usuarios dos peiraos. A qué agardan para porlle solución? Que medidas teñen pensado adoptar?

5. Hai unha árbore seca na zona de xogos do Pasatempo o que denota a falta de atención a este parque. Non é de grandes dimensións como o salgueiro que pedimos que talaran, hai un mes, mais si é abondo para ter un percance cunha crianza. Cando pensan solución a esta situación? Teñen pensado repoñer as árbores que foron desaparecendo desta parte do Pasatempo nos últimos anos?


 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/resumo-do-pleno-do-28-agosto/20180831133302003316.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Betanzos

Bloque Nacionalista Galego

Travesía da Torre, nº2, 1º
15300 Betanzos (GALIZA)
Teléfono: +34981776466
Correo: betanzos@bng.gal