As nosas propostas para mudar as festas de agosto

As nosas propostas para mudar as festas de agosto

Embarcacións nos Caneiros

"Somos partidarias de que o programa das festas teña máis contidos culturais para públicos máis diversos, porque non a todas nos gustan as mesmas cousas"

Betanzos, 8 de setembro de 2015. O xornal ‘Betanzos e a súa comarca’ pediunos un artigo de opinión sobre as propostas que temos para mudar e mellorar o programa das festas patronais. A continuación ofrecemos íntegro ese artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas. Boa lectura.

 

Substituír a raíña das festas por outro acto sen contidos sexistas e repartir os eventos polos barrios

 

As festas arrastran desde hai anos un programa repetitivo, sen imaxinación e mesmo anticuado. Son festas programadas sen ilusión e nótase. Abusouse do talonario para suplir a falta de novas ideas e agora que non hai tantos cartos vense máis as carencias. Desde o BNG-Asembleas Abertas levamos anos achegando propostas novas, mais non foron tidas en conta.

Cremos que o máis importante é que devolver o protagonismo ás persoas, á veciñanza. Cómpre buscar a colaboración activa de entidades e colectivos para recoller as súas ideas e achegas mesmo a través dun concurso de ideas, e para colaborar na organización. Nese sentido, hai que primar a participación de toda a veciñanza: as festas son en primeiro lugar para as betanceiras, non poden limitarse a ser público para que a Corporación desfile.

Somos partidarias de substituír a raíña das festas por outro acto para toda a veciñanza sen contidos sexistas. Hai que poñer en valor as verdadeiras tradicións que veñen do noso pasado: danzas gremiais, a coca, mesmo recuperar os Xogos Florais. Porque no BNG-Asembleas Abertas somos partidarias de que o programa das festas teña máis contidos culturais para públicos máis diversos, porque non a todas nos gustan as mesmas cousas.

Hai que dar espazo aos grupos locais no programa das festas. Non recluílos nun día do programa, como agora se fai. Un concurso de bandas noveis convenientemente anunciado e repartido polos barrios da cidade é unha opción. Pero hai máis, porque as festas teñen que ser de todo Betanzos, non do Campo: xa dixemos o mes pasado que os días dos Caneiros as verbenas deberan ser en torno ao río, mais o resto dos días tamén se deben levar actos aos barrios.

E todo isto partindo da premisa de que pouco máis de trece mil persoas con case mil no desemprego non pode estragar 160 000 euros nas festas – 220 mil o ano pasado segundo a conta xeral-: hai que reducir o calendario e facer unhas festas de calidade e para toda a veciñanza.