Garantir a función social de vivenda e incorporar perspectiva de xénero ao urbanismo

Garantir a función social de vivenda e incorporar perspectiva de xénero ao urbanismo

O Mandeo desde Os Ánxeles. Pola beira está proxectado o paseo pilotado

O urbanismo ten que estar ao servizo da veciñanza, da maioría e non duns poucos. Mais as persoas somos diferentes e os usos que facemos da nosa cidade tamén o son. Defendemos un urbanismo que teña en conta as necesidades dos diferentes colectivos que convivimos no concello. Introducir a perspectiva de xénero, d@s máis nov@s, das persoas con mobilidade reducida, dos maiores diante dun urbanismo normalmente deseñado por homes novos e pensado só para homes novos.

Poñer en marcha un proceso participativo como base do deseño do planeamento urbanístico con talleres e enquisas. Buscar a participación das persoas que non son normalmente escoitadas ao falar de urbanismo.

Garantir a función social da vivenda e o dereito a acceder a esta. Os partidos do sistema fomentaron a especulación e converteron en papel mollado o dereito de toda persoa a unha vivenda. O Concello debe velar polo acceso á vivenda da súa veciñanza, intervindo no mercado para garantilo reservando solo para a promoción pública.

Adaptar o crecemento urbanístico as previsións reais de poboación da nosa cidade e comarca. En Betanzos temos un 26% da vivenda baleira, a maioría no Casco Histórico ou nos núcleos tradicionais. Debe ser unha prioridade crear un instrumento público que dea un pulo definitivo á rehabilitación antes de seguir construíndo máis vivenda nova.

A cidade debe ser humana. Betanzos ten moi poucos espazos verdes e pensamos que as beiras dos ríos (Cañota, Frade, Xuncaliño) deben permanecer sen construír. Reservar no PXOM zonas verdes para facer a nosa cidade habitábel.

Regular correctamente os diferentes usos do solo para evitar os problemas para a saúde de convivir con actividades, ruídos ou fumes como os que sofren agora @s veciñ@s de Talai ou como aconteceu coa gasolineira fronte ao colexio. Promover unha ordenanza reguladora das antenas de telefonía móbil.

Betanzos non é só o centro da cidade, tamén son as súas parroquias: defendemos novas alternativas de saneamento coma o saneamento descentralizado e evitar o modelo de macrourbanizacións fomentando o crecemento arredor dos núcleos tradicionais.