Frear a emigración xuvenil e crear emprego en torno ao Casco Histórico

Frear a emigración xuvenil e crear emprego en torno ao Casco Histórico

Vista do Casco Histórico de Betanzos

O desemprego é un dos problemas mais graves de Betanzos e do País. Un concello de 13 000 habitantes non pode ter máis de 1000 no desemprego. É terríbel ver como a xente nova medra sen esperanza e se forma para estar no paro ou emigrar.

A nosa principal prioridade é frear a emigración xuvenil e que a mocidade que marchou poida retornar. Cun plan de emprego xuvenil, apoiando proxectos emprendedores e espazos gratuítos de ‘coworking’, creando un servizo de seguimento da mocidade desempregada.

A taxa de desemprego feminino é moi superior á masculina. Son necesarias medidas específicas para promover o emprego feminino. Impulsaremos a economía social e outras iniciativas que incorporen a perspectiva de xénero no seu funcionamento.

Apostamos polo turismo vinculado ao patrimonio cultural e natural. O noso patrimonio é a locomotora que ten que tirar de Betanzos. A rehabilitación do Casco permitirá desenvolver o modelo do centro comercial aberto, garantía de pervivencia dun sector estratéxico como é o comercio.

Avogamos por limitar a implantación de grandes superficies comerciais e por ampliar as feira ao Casco histórico. Esta aposta vai permitir crear emprego en torno a artesanía, con obradoiros de emprego e priorizando a súa presenza e participación na Feira Franca Medieval.

A aposta por medrar desde o noso pasado potenciará tamén a viticultura e o agro. Cursos de agricultura ecolóxica, mercados específicos e preferencia nas compras municipais aos produtos locais. Desenvolveremos a produción do viño, protexendo o solo agrario, alentaremos a creación dunha cooperativa vitivinícola e tamén fomentaremos o seu valor como recurso turístico.

Terá tamén un impacto directo na hostalaría. Promoveremos a creación de pequenos establecementos hoteleiros cunha marca de calidade.

E todo isto require de servizos adicionais. Un banco de locais comerciais, un viveiro de empresas e espazos de ‘coworking’ darán soporte a novas iniciativas xunto a unha oferta de solo industrial axustada á demanda real.

A receita para crear emprego de calidade é apostarmos polo propio, polo que temos diferente e único. Coñeces Allariz? Pois ese é o modelo que queremos para Betanzos.