Propoñeremos no Pleno a creación dunha “mesa da ría” para facer seguimento da calidade da auga

Un acto do BNG a carón do Mandeo
Un acto do BNG a carón do Mandeo

O nacionalista lembra que o PP ven votando en contra da emenda que todos os anos o BNG presenta aos orzamentos da Xunta para destinar un millón de euros á rexeneración da ría.

O BNG propoñerá no Pleno a creación dunha “mesa da ría” na que se integren colectivos medioambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións e técnicos de medio ambiente, na mesma liña da aprobada a proposta do BNG hai case un ano sen que se teña levado até o momento adiante ningún tipo de actuación

Propoñeremos no Pleno a creación dunha “mesa da ría” para facer seguimento da calidade da auga

O nacionalista lembra que o PP ven votando en contra da emenda que todos os anos o BNG presenta aos orzamentos da Xunta para destinar un millón de euros á rexeneración da ría.

O BNG propoñerá no Pleno a creación dunha “mesa da ría” na que se integren colectivos medioambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións e técnicos de medio ambiente, na mesma liña da aprobada a proposta do BNG hai case un ano sen que se teña levado até o momento adiante ningún tipo de actuación

Betanzos, 28 de xuño de 2018. O BNG propoñerá no Pleno a creación dunha “mesa da ría” na que se integren colectivos medioambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións e técnicos de medio ambiente. As nacionalistas propoñen que nesta mesa se faga seguimento á calidade da auga da ría, dos vertidos que se producen e as consecuencias, e do cronograma acordado pola Xunta para subsanar as diversas deficiencias. A moción do grupo nacionalista vai na mesma liña da presentada hai case un ano polo grupo nacionalista nos concellos das Mariñas e que fora aprobada sen que se levase a cabo ningún tipo de actuación.

“A calidade da auga na ría de Betanzos ven empeorando nos últimos anos sen que nin a Xunta nin o Estado tomen ningunha medida para poñerlle solución” explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde o BNG chaman a atención sobre o progresivo deterioro da ría malia estar protexida pola Rede Natura e a reserva da biosfera. “Os vertidos seguen a producirse continuamente sen ningunha consecuencia” lamentan.

O BNG advirte que o deterioro da calidade da auga ten incidencias no sector extractivo. “A maior parte das zonas de marisqueo da ría están clasificadas como zona C estábel ou B provisional, o que obriga a levar o marisco a depurar previamente ou vendelo á conserveira”, indican. “As conserveiras só collen grandes cantidades, polo que a nosa ría, cunha produción modesta, non garante ese volume e tamén é complicado ampliar os PERMAX debido á inseguridade sobre a calidade da auga, nunha pescada que morde a cola” explica Del Río.
“Aos continuos vertidos industriais que se veñen producindo desde Montellos en Betanzos a través do rio Callou ou do polígono de Bergondo a través do río Maior hai que sumar o deficiente saneamento mesmo con concellos que carecen de depuración e os vertidos das redes de saneamento ao mar” relata. “A propia Xunta de Galiza recoñece que ten puntos de vertido localizados nesta ría en diferentes concellos como Miño, Betanzos ou Bergondo e o incorrecto funcionamento das depuradoras existentes e a inexistencia de separación de pluviais e fecais e carencia de tanques de tormentas provoca problemas nas redes de saneamento nas épocas de choiva” relatan. “Mais este ano, outra vez, o PP negouse a incorporar fondos nos orzamentos da Xunta para pechar o saneamento da ría, que tiña que estar culminado en 2015”, explica Del Río.

Por este motivo, propoñerán tamén demandar á Xunta de Galiza a elaboración dun informe sobre a calidade da auga da ría de Betanzos, a situación do saneamento e os puntos de vertidos así como dun cronograma das actuacións previstas pola Consellería de Medio ambiente para solucionar estas deficiencias. “Segundo a Axencia Europea do Medio Ambiente, dos 21 puntos negros onde a calidade da auga é insuficiente das 652 probas que se realizaron en Galiza, dous están na ría de Betanzos”, relata o edil nacionalista.
Ademais, para solucionar os vertidos procedentes da rede municipal de saneamento, toda vez que a Directiva 91/271/CE de 21 de maio indica que dende o ano 2005 todas as aglomeracións urbanas de máis de 2000 habitantes deberán contar con sistemas de depuración, desde o BNG propoñen que o goberno local complete “a rede de saneamento dotando aos núcleos sen depuración de plantas depuradoras coas solucións máis respectuosas para o medio, dispondo dun cronograma de actuacións e partidas específicas para este investimento nos orzamentos” e que se dirixa aos outros concellos da ría para demandarlles o propio.

“Nós seguiremos insistindo nas contas da Xunta en que o goberno galego cumpra a súa parte tamén, pero non se pode escudar o Concello en que a Xunta non cumpre cando está a saúde e a riqueza da comarca en xogo”, indica Del Río. O nacionalista lembra que o PP ven votando en contra da emenda que todos os anos o BNG presenta aos orzamentos da Xunta para destinar un millón de euros á rexeneración da ría.