O BNG PEDIRÁ TAMÉN QUE SE ENTREGUE O INFORME DA AUDITORÍA DO SERVIZO DE AUGA E SANEAMENTO

Pediremos que o Pleno demande da Xunta o cronograma completo da obra de mellora da traída

“Toda a veciñanza de Betanzos seguimos sufrindo unha calidade do subministro da auga que dista moito de ser a desexábel, con continuos períodos de turbidez, mais iso si pagando as taxas como se o servizo funcionase correctamente”

O BNG pedirá tamén que se entregue o informe da auditoría do servizo de auga e saneamento

Pediremos que o Pleno demande da Xunta o cronograma completo da obra de mellora da traída

“Toda a veciñanza de Betanzos seguimos sufrindo unha calidade do subministro da auga que dista moito de ser a desexábel, con continuos períodos de turbidez, mais iso si pagando as taxas como se o servizo funcionase correctamente”

O BNG pedirá tamén que se entregue o informe da auditoría do servizo de auga e saneamento

Betanzos, 25 de marzo de 2019. O BNG pedirá que o Pleno demande da Xunta o cronograma completo da obra de mellora do servizo de captación e abastecemento de auga, delimitando os prazos concretos de licitación e execución.

“O goberno da Xunta asinou un convenio co Concello de Betanzos en xullo de 2016 no que a daquelas conselleira de Medio ambiente, Beatriz Mato, comprometía un orzamento dun millón de euros para melloras no servizo de abastecemento de auga e a capacidade dos procesos de potabilización. Augas de Galiza comprometíase con este convenio á realización dunha serie de obras de mellora que se levarían a cabo entre o 2016 e o actual 2019”, explicou o portavoz do BNG Henrique del Río.

“O pasado verán o goberno local do PSOE afirmaba que as obras se iniciarían na súa primeira fase a principios do actual 2019 e quedaría para unha segunda fase a mellora dos bombeos. Segundo leva afirmando o goberno local os últimos 3 anos a turbidez da auga da traída en Betanzos débese a un sistema de captación obsoleto e a única solución pasaría por executar este proxecto de mellora”, engadiu o voceiro nacionalista. “Sen embargo no Pleno ordinario do mes de febreiro aprobouse unha addenda a este convenio para adiar as obras e executalas entre o 2019 e o vindeiro 2020 diante do obvio incumprimento dos prazos fixados no convenio anterior”.

“Mentres toda a veciñanza de Betanzos seguimos sufrindo unha calidade do subministro da auga que dista moito de ser a desexábel, con continuos períodos de turbidez, mais iso si pagando as taxas como se o servizo funcionase correctamente”, criticou Del Río. “Polo momento só está contratado o apoio técnico no proceso de redacción do proxecto de melloras, mais até onde sabemos, entendemos que o propio proxecto non foi aínda contratado- non se licitou o proxecto construtivo- e, por descontado, tampouco a propia obra a acometer. Da información que foi ofrecendo- en comunicado de prensa, non en información oficial á veciñanza e á Corporación- o goberno local, puidemos saber que determinadas actuacións previstas inicialmente nesta obra finalmente serían desbotadas, adiándose a algún proxecto posterior”, concluíu.

O BNG pedirá tamén que se entregue o informe da auditoría do servizo de auga e saneamento

No Pleno de agosto de 2018 acordouse tamén contratar unha auditoría técnica para avaliar a opción da xestión directa dos servizos de abastecemento de auga e saneamento tendo en conta que a actual concesionaria remataría o vindeiro ano o contrato. “Sete meses máis tarde seguimos sen ter ningún tipo de información sobre a execución deste acordo plenario. Mentres tanto, continúan a rexistrarse numerosas incidencias de toda índole co servizo, tanto de subministro como de saneamento, sen que se exixan á concesionaria todas as obrigas que o contrato asinado no seu día recolle”, explicou o portavoz do BNG.

“No BNG temo claro que hai moito marxe para mellorar o actual servizo, e comprometémonos a facelo pero para iso precisamos toda a información sobre a situación actual do mesmo que o goberno local leva anos escondendo aos veciños e veciñas”, engadiu o portavoz do BNG. “Temos o firme compromiso de esgotar todas as vías para conseguir remunicipalizar o servizo como garantía dun mellor funcionamento, máis barato e eficiente”, concluíu.