O BNG leva a pleno as queixas de usuarias e profesionais polo recorte en pediatría

Henrique del Río é o voceiro do BNG no Concello
Henrique del Río é o voceiro do BNG no Concello

“No centro de saúde de Betanzos hai 2 pediatras, para o concello de Betanzos máis os de Coirós, Irixoa e Aranga, que non teñen este servizo e teñen como centro de referencia Betanzos e en agosto estivo só con un porque non se cubriron as vacacións”

O BNG leva a pleno as queixas de usuarias e profesionais polo recorte en pediatría

“No centro de saúde de Betanzos hai 2 pediatras, para o concello de Betanzos máis os de Coirós, Irixoa e Aranga, que non teñen este servizo e teñen como centro de referencia Betanzos e en agosto estivo só con un porque non se cubriron as vacacións”
 
Betanzos, 1 de setembro de 2016. O BNG trasladou onte ao Pleno o malestar de usuarias e profesionais do centro de saúde de Betanzos pola redución do servizo de pediatría durante o mes de agosto. “A causa das vacacións o centro de saúde quedou cunha única facultativa para esta área, reducindo á metade o servizo” explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
 
“No centro de saúde de Betanzos hai 2 pediatras, para o concello de Betanzos máis os de Coirós, Irixoa e Aranga, que non teñen este servizo e teñen como centro de referencia Betanzos” explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que recorda que “o servizo é polas mañás e só unha tarde á semana, os martes”. Desde o BNG explican que coa negativa da Xunta a cubrir as vacacións desta facultativa con persoal eventual reduciuse moito máis o servizo.
 
“Hai uns meses trouxemos unha moción precisamente para demandar ao goberno galego melloras neste servizo e a garantía do servizo fronte a baixas, vacacións, vacantes e outras situacións similares” recordou Del Río na sesión plenaria de onte. Por este motivo, demandou ao executivo local que explique que xestións realizou para garantir o servizo de pediatría en condicións e por que non amosou o seu malestar polo recurte no servizo durante agosto.
 
“Desde o BNG xa temos presentado  unha emenda aos orzamentos da Xunta con este tema nos últimos tres anos, 2014, 15 e 16, e neste mes acabamos de presentar unha iniciativa no Parlamento galego sobre este mesmo tema” recordou Del Río. “Pero agora é o goberno local quen ten que garantir unha atención médica de calidade no centro de saúde público, neste caso para as cativas”, engade.
 
As nacionalistas explican que o goberno do PSOE non deu conta de ningunha xestión nin ningún escrito recibido desde a Consellaría de Sanidade. “Tampouco houbo ningún tipo de declaracións públicas, nos medios de comunicación, do alcalde reclamando unha solución a este problema”, indican. “Será que, como a Xunta, no goberno local deben de crer que en agosto enferman menos cativas”, ironiza o edil nacionalista.