O BNG denuncia o abandono da pista polideportiva da Xerpe

O BNG denuncia o abandono da pista polideportiva da Xerpe

María Otero e Henrique del Río nun Pleno

Del Río: “Polo que se ve o PSOE prefire ter os terreos das Minas convertidos nun vertedoiro incontrolado antes que poñelos a disposición da veciñanza que os poida precisar”.

Betanzos, 7 de xaneiro de 2014. O BNG denunciou no Pleno o abandono que presenta a pista deportiva da Xerpe, na parroquia de Tiobre. A veciñanza achegou aos nacionalistas, por medio da asociación de veciños, as súas queixas xa que “a pista deportiva está invadida de silveiras, impedindo que sexa utilizada por nenos e maiores”.

Ademais, veciñas e veciños denuncian que os terreos que o Concello adquiriu hai máis de unha década na zona das Minas “convertéronse nun vertedoiro incontrolado ademais de ter usos tan dispares como almacenar madeira das talas de toda a parroquia, o baleirado de cisternas do campo, escombros e terras procedentes de desmontes de obras e un longo surtido de lixo”, segundo explicou no Pleno a nacionalista María Otero.

Por este motivo desde o BNG reclamaron ao goberno local do PSOE prazos concretos para poñer fin a estas situacións que mesmo entrañan un perigo para a veciñanza.

“O goberno local do PSOE funde en asfaltado de pistas cartos de todos os plans de obras que aparecen, como se toda a necesidade de servizos no medio rural fose só esa”, censura o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “O PSOE esquece achegar outros servizos á veciñanza das parroquias, nin amañan e dinamizan os locais sociais, nin manteñen as pistas deportivas en condicións para que a veciñanza poida usar estas instalacións que xa pagou cos seus tributos”. “Outra pista comida da broza é a de Castro e o goberno do PSOE non se preocupa en tela a punto para que se poida usar”, denuncian.

Banco de terras para persoas sen emprego

O BNG propuxo, hai xa un ano, dedicar unha parte dos terreos municipais das Minas para uso de persoas sen emprego, de forma que poidan cultivar alimentos. A proposta non implicaría un cambio de titularidade, xa que “a propiedade destes terreos deberá seguir sendo municipal, o que se cederá será o seu uso por un espazo limitado de tempo” priorizando para a adxudicación “a persoas desempregadas, con empregos temporais ou familias pertencentes a colectivos con risco de exclusión social”. Os nacionalistas propuxeron ofrecer ás persoas interesadas unha programación formativa complementaria no centro de formación municipal, xa que o Concello ten en nómina un monitor de xardinaría.

“Por desgraza, logo das boas palabras, o goberno do PSOE non fixo absolutamente nada por levar á práctica esta proposta a pesar de que a apoiaron no Pleno”, denuncia o voceiro nacionalista. “É o de sempre, votan as nosas propostas para irse de progres pero á hora da verdade o PSOE segue as receitas do PP para simular que fai algo para promover o emprego: eventos gastronómicos e concursos de fotos, sen ir realmente ao problema”, lamenta Del Río.

“Polo que se ve o PSOE prefire ter os terreos das Minas convertidos nun vertedoiro incontrolado antes que poñelos a disposición da veciñanza que os poida precisar”, concluíu o voceiro do BNG.

O BNG denuncia o abandono da pista polideportiva da Xerpe