O BNG anunciou o seu voto en contra á aprobación da conta xeral na comisión de contas

Amelia Sánchez é a portavoz do BNG
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG

“O gasto en atencións protocolarias e representativas é 135 776, 88 euros, máis do que vale comprar un piso en Betanzos. No orzamento reservou unha partida de 9600 euros, mais, en ano electoral no que sacou a maioría, absoluta gastou 14 veces esa cantidade”

“Mentres e pola outra banda, tiñan 835 817 euros para gastar neste programa de xestión do patrimonio histórico, sobráronlles 749 343 euros. Non investiron nin a décima parte do que podían, mentres todos vemos como está o patrimonio de todos os betanceiros e betanceiras”

O BNG anunciou o seu voto en contra á aprobación da conta xeral na comisión de contas

Betanzos, 9 de novembro de 2020. O BNG anunciou o seu voto en contra á aprobación da conta xeral na comisión de contas que se celebrará mañá martes. “Mañá martes vaise aprobar no concello a Conta Xeral do ano pasado, do 2019. A Conta Xeral, é a imaxe de como o goberno local gastou os cartos públicos, os cartos dos nosos impostos e a Conta Xeral de 2019 é unha imaxe clarísima de cales son as prioridades do goberno do PSOE no ano electoral”, explicou a portavoz do BNG Amelia Sánchez.

“O gasto en atencións protocolarias e representativas é 135 776, 88 euros, máis do que vale comprar un piso en Betanzos. No orzamento reservou unha partida de 9600 euros, mais, en ano electoral no que sacou a maioría, absoluta gastou 14 veces esa cantidade”, criticou Sánchez. 

“Ademais o gasto en publicidade e propaganda foi de 43 966 euros mentres no orzamento reservaron 12000 euros para publicidade, gastaron case 4 veces máis. O que vale un coche de alta gama gastaron en publicidade”, engadiu, “é escandaloso que malgasten desta maneira os cartos dos nosos impostos”. 

“Mentres e pola outra banda, tiñan 835 817 euros para gastar neste programa de xestión do patrimonio histórico, sobráronlles 749 343 euros. Non investiron nin a décima parte do que podían, mentres todos vemos como está o patrimonio de todos os betanceiros e betanceiras. O Pasatempo segue pechado, o casco histórico no que dan por bo que a Xunta rehabilitara 8 casas en 10 anos, a fábrica da luz a caer, a Casa Gótica segue igual que cando a derrubaron hai 11 anos...”, explicou a nacionalista.

“Ademais o goberno local reservaba no orzamento do 2019, 50 000 euros para axudas de emerxencia social, e deixaron sen gastar 40 000 euros en servizos sociais. Unhas axudas das que o goberno local fixera publicidade na aprobación do orzamento afirmando que era un orzamento social enfocado á axudar aos máis desfavorecidos. O que vemos agora na conta xeral é xusto o contrario”, criticou Amelia Sánchez. 

“A Conta Xeral fálanos moi claro de cales son as prioridades do goberno de María Barral, protocolo, propaganda, festas e fotos. Os betanceiros merecemos moito máis, merecemos un goberno que aposte por Betanzos, polos nosos servizos, que invista en dinamizar a nosa economía, o noso comercio. Máis feitos e menos fotos”, concluíu.

O BNG anunciou o seu voto en contra á aprobación da conta xeral na comisión de contas