Del Río: “Reservaremos as beiras dos ríos como zonas verdes con equipamentos deportivos e sendeiros

Del Río: “Reservaremos as beiras dos ríos como zonas verdes con equipamentos deportivos e sendeiros

O BNG-Asembleas Abertas comprométese a paralizar o paseo entre as Monxas e San Xiao

“Con plantas de compostaxe comunitaria nas aldeas esteremos reducindo a factura do lixo e ao tempo obteremos abono para as hortas da veciñanza e os xardíns municipais”.

Betanzos, 18 de maio de 2015. O BNG-Asembleas Abertas presentou as súas propostas para mellorar o medio ambiente en Betanzos. As nacionalistas defenden paralizar o paseo do Mandeo pola Cañota e San Xiao e recuperar de forma ecolóxica o bordo fluvial degradado dos ríos nas zonas do Frade, O Areal, A Acea, Cañota, o Xuncaliño, Caraña,... “Reservaremos as beiras dos ríos como zonas libres, zonas verdes, con equipamentos deportivos e sendeiros ambientais, programas de hortas comunitarias, etc de forma que garantan a conservación do medio e dos valores etnográficos do labradío” explicou o candidato, Henrique del Río.

Para acompañar estas medidas as nacionalistas apostan por mellorar o medio ambiente urbano coa ampliación das zonas verdes e a plantación de árbores axeitadas ás condicións que presentan as rúas do centro da cidade. “Levaremos adiante programas de educación ambiental a prol da diversidade, como editar guías, campañas de repoboación con árbores autóctonas, variedades froiteiras do país ou instalación de casetas para aniñar paxaros”, explica Del Río. “E unha campaña potente de eliminación de especies invasoras”, apunta.

Neste sentido, desde BNG-Asembleas Abertas entenden que a xestión de residuos xoga un papel fundamental na política ambiental do Concello. Así, ademais de reducir o impacto da administración municipal no consumo de papel ou enerxía, apostan por implantar sistemas de tratamento de residuos sólidos e augas residuais que sexan realmente sustentábeis e autosuficientes. “Con plantas de compostaxe comunitaria nas aldeas esteremos reducindo a factura do lixo e ao tempo obteremos abono para as hortas da veciñanza e os xardíns municipais”, explica Del Río.

Saneamento en brañas artificiais, máis barato para a veciñanza

Do mesmo xeito, os nacionalistas defenden rematar a rede municipal de saneamento por medio dun modelo descentralizado e ecolóxico como son as brañas artificiais. “Estas balsas biolóxicas, con plantas que transformen as augas residuais, son máis eficientes que as tradicionais depuradoras”. De feito, insistiu en que “o custe de construción deste tipo de balsas é só o 80% do que custa unha depuradora convencional e o seu custo de funcionamento só supón o 20% do que precisan estas”. “O aforro na factura eléctrica da planta e os bombeos repercutirá nunha rebaixa na taxa que paga a veciñanza e tamén é positivo para o medio”, recordou.

Del Río: “Reservaremos as beiras dos ríos como zonas verdes con equipamentos deportivos e sendeiros