Del Río: “O BNG segue a ser a única forza da Corporación que se opuxo a indemnizar aos inquilinos do Cine Alfonsetti”

O equipamento do Alfonsetti tirado nunha nave municipal
O equipamento do Alfonsetti tirado nunha nave municipal

“É máis que cuestionábel que Jaime e Emilio Pita teñan dereito a percibir un euro do Concello por ter pechado un cine que non funcionaba”

Del Río: “O BNG segue a ser a única forza da Corporación que se opuxo a indemnizar aos inquilinos do Cine Alfonsetti”

“É máis que cuestionábel que Jaime e Emilio Pita teñan dereito a percibir un euro do Concello por ter pechado un cine que non funcionaba”

Betanzos, 10 de novembro de 2011. “É máis que cuestionábel que Jaime e Emilio Pita teñan dereito a percibir un euro do Concello por ter pechado un cine que non funcionaba” advertiu o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, logo de que os antigos arrendatarios da sala municipal ameazasen ao Concello por medio da prensa cunha denuncia por un presunto retraso no pagamento da indemnización acordada en decembro de 2007 por PP e CxB.

“O BNG segue a ser a única forza da Corporación que se opuxo a indemnizar aos inquilinos do Cine Alfonsetti”, lembra Del Río. Para os nacionalistas, o Concello non tiña a obriga de pagar un só euro aos Pita pola recuperación da sala municipal nin en concepto de perda de clientela- dado que o cine levaba anos sen funcionamento e o paso a mans municipais non supuxo, polo tanto, o cese da actividade- nin por obras ou adquisición de mobiliario. Os nacionalistas entenden que a compra do mobiliario do cine tiña que terse feito de acordo coa lexislación de contratos e non como fixo o goberno do PP co apoio de PSOE e CxB.

O documento no que pretenden basear a súa reclamación os Pita, ademais, “é un documento privado subscrito entre eles e a anterior alcaldesa” tramitado “sen seguir o procedemento exixido polo ordenamento” para os contratos das administracións públicas, indicou o voceiro nacionalista.

O BNG sempre foi partidario da recuperación do Alfonsetti, pero sen pagar “peaxes”. Neste sentido, recordan que PP e CxB acordaron entregar aos irmáns Pita 143 000 euros coma indemnización- sen fundamento- para recuperar o uso dunha sala que é municipal desde o século XIX. Foi o único grupo da Corporación que se opuxo á totalidade do pagamento, dado que o PSOE coincidía con PP e CxB en indemnizar aos arrendatarios pola compra dun mobiliario obsoleto que segue amoreado en dependencias municipais e polos que xa se desembolsaron uns 49 000 euros.