O PXOM e as zonas inundábeis: realmente é necesario seguir construíndo en zonas que se inundan?

O PXOM e as zonas inundábeis: realmente é necesario seguir construíndo en zonas que se inundan?

O Mandeo desde Os Ánxeles. Pola beira está proxectado o paseo pilotado

As Brañas, A Lagoa, O Xuncaliño, O Carregal.... son topónimos que fan referencia a terreos inundados, a zonas onde a auga con moi pouca profundidade ocupa a superficie do terreo. E a pesar diso, construíuse sobre eles e quérese seguir construíndo no futuro inmediato. As consecuencias pagámolas todas.

Betanzos, 7 de marzo de 2016. O xornal Betanzos e a súa comarca, que publica ACEBE-CCA, trae nas súas páxinas deste mes un artigo da autoría colectiva da militancia do BNG e as persoas que participan nas Asembleas Abertas. Nesta ocasión decidimos analizar o modelo de cidade que se constrúe sobre zonas de recheo a propósito do que ven de acontecer en Sada. Aquí tes o artigo íntegro.

Realmente é necesario seguir construíndo en zonas que se inundan?

Hai unha semana producíronse graves inundacións en Sada, e tamén fóra da comarca. O asolagamento das rúas tivo enormes custos para a veciñanza, con danos en casas, bens e mesmo negocios. As zonas máis afectadas, curiosamente, chamadas a Lagoa e a Braña, que recordan o pasado da zona chea de auga. Edificios constrídos sobre recheos, lugares onde os ríos rebordaban de maneira natural, como é o caso da Ribeira en Betanzos. Ninguén pensou cando se construíu por onde sairía toda esa auga que xa estaba aí?

Construír nestes lugares é parte dun modelo urbanístico que se basea nos beneficios económicos a toda costa, na especulación e non no benestar das persoas trae despois moitas consecuencias das que ninguén chegado o momento se fai responsábel.

É o mesmo caso que as inundacións na Ribeira: non son unha maldición, son o resultado de construír sobre o río. Só ver unha foto da ribeira do Mandeo hai 50 anos e hoxe é evidente que onde antes había auga, humidal, nas marxes do río hoxe hai estrada e vivendas. Foi a actividade humana a que deu lugar a isto, e a solución para a veciñanza desde logo non pode vir da primeira ocorrencia do alcalde: elevar a estrada para deixar os negocios e as vivendas enterrados por baixo do firme, mentres a auga segue a saír polas tubaxes dentro das casas.

Hai que tomar o problema en serio, e buscar tamén en serio unha solución. Empezando por tentar minimizar as consecuencias para as veciñas: anticiparse ás mareas, impedir o tráfico pola zona que habitualmente se inunda ese día para evitar ondas que amplíen o problema, limpar o río...

É inescusábel aprender dos erros. Dos propios e dos alleos. Aínda hai dúas semanas o goberno local levaba a Pleno a aprobación inicial do PXOM. Un PXOM que pretendía seguir construíndo nas zonas inundábeis, coma o Xuncaliño ou o Carregal (respectivamente, xuncais e carrizais, terreos cheos de auga). Na teima de construír no Carregal, o PSOE pretendía inzalo de palafitos enriba de columnas de 2,3 m e casas sobre zocalos de 1,5 m. para que non as alcance a auga De verdade que é necesario seguir construíndo en zonas que se inundan? Non será mellor pensar nun urbanismo sustentábel que non provoque estes desastres no futuro?