A preocupante lección da Casa Gótica, artigo do portavoz municipal

A preocupante lección da Casa Gótica, artigo do portavoz municipal

O voceiro do BNG, Henrique del Río, na praza de Lanzós

"É evidente que a responsabilidade última de demoler un edificio- neste caso a Casa Gótica- é do seu propietario, pero non é menos obvio que a protección do patrimonio que nos legaron os nosos devanceiros é tamén unha obriga das Administracións".

Betanzos,9 de abril de 2014. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, escribe no xornal ‘Betanzos e a súa comarca’, que edita ACEBE-CCA, un artigo de opinión no que reflexiona sobre a sentenza da Casa Gótica e as iniciativas que emprendeu o BNG ao coñecela. Polo seu interese reproducimos o artigo integramente.

A preocupante lección da Casa Gótica

A pasada semana fíxose pública a sentenza sobre o derrubamento da Casa Gótica, unha das xoias do patrimonio colectivo da nosa cidade. A conclusión que ofrece é desoladora: aquí non hai responsábeis de nada e parece que sae gratis a destrucción do patrimonio.

Desde o BNG propuxemos que o Concello elabore un listado detallado para dar a máxima protección legal a todosos edificios singulares do noso patrimonio

O fallo baséase en que a Casa Gótica non contaba coa maior proteción, a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), senón que estaba incluída no BIC conxunto do Casco Histórico. Por esa regla de tres, a maioría dos edificios singulares que conforman o patrimonio histórico de Betanzos carecen dunha protección singularizada e, coa sentenza da Casa Gótica na man, os seus propietarios quedarían absoltos se decidisen botalos abaixo. Entre estes edificios hai pazos e casonas modernistas, conxuntos singulares, capelas e igrexas, elementos da arquitectura popular coma cruceiros, hórreos, fontes e lavadoiros e mesmo pontes e as murallas e portas da cidade medieval.

Por este motivo, desde o BNG propuxemos que o Concello elabore un listado detallado para dar a máxima protección legal a todos estes edificios singulares do noso patrimonio para que, no caso de que outro desaprensivo bote abaixo algún deles, non saia gratis.

PP e PSOE miran para outro lado e só se lembran do patrimonio para facer promesas nas campañas electorais

É evidente que a responsabilidade última de demoler un edificio- neste caso a Casa Gótica- é do seu propietario, pero non é menos obvio que a protección do patrimonio que nos legaron os nosos devanceiros é tamén unha obriga das Administracións.

O que mesmo desde un punto de vista económico e de creación de emprego debera ser o foco de crecemento para a nosa cidade e para toda a comarca está abandonado e caendo pouco a poco. Mentres o PP e o PSOE miran para outro lado e só se lembran do patrimonio para facer promesas nas campañas electorais. Veremos un próximo capítulo dentro de un ano do que levamos vendo os 20 anos anteriores na nosa cidade.

E tanto o patrimonio material como da lingua, o patrimonio natural ou calquera reflexo da nosa historia déixanse morrer porque está claro que é imposíbel querer o que se descoñece...