Pedimos a PP e PSOE que deixen de pasarse a pelota e actúen na reconstrución da Casa Gótica

O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun recanto do Casco Histórico
O voceiro do BNG, Henrique del Río, nun recanto do Casco Histórico

O BNG ven de rexistrar no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas demandando ao goberno galego que retome o procedemento sancionatorio e para que aclare por que non se reabriu coa sentenza.

O BNG defende que pase a titularidade municipal e acolla un centro veciñal e sociocultural paliando as carencias do Casco Histórico neste eido

Pedimos a PP e PSOE que deixen de pasarse a pelota e actúen na reconstrución da Casa Gótica

O BNG ven de rexistrar no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas demandando ao goberno galego que retome o procedemento sancionatorio e para que aclare por que non se reabriu coa sentenza.

O BNG defende que pase a titularidade municipal e acolla un centro veciñal e sociocultural paliando as carencias do Casco Histórico neste eido

Betanzos, 5 de febreiro de 2018. O BNG amosou a súa sorpresa diante das manifestacións do goberno local deixando en mans da Xunta unha eventual recuperación da Casa Gótica. “É canto menos curioso que, esgotada a vía das multas coercitivas para tratar de forzar ao propietario a reconstruír a casa, cando realmente hai que pasar aos feitos a saída do PSOE sexa pasarlle a pataca quente á Xunta” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río.

As nacionalistas recordan que o Concello, até o de agora, tratou de forzar ao propietario a reconstruír a casa polos seus medios con catro multas que suman 18 000 euros. “Coa primeira multa o goberno local chegou a dicir que contaba con reunir, por esta vía, 124 000 euros para facer a obra desde o Concello, algo que sabían que era imposible posto que a finalidade destas multas era obrigar a actuar ao propietario, non recadar” explica Del Río. Posteriormente o goberno local anunciou conversas co propietario para adquirir o solar e as pedras, supostamente numeradas, da fachada. “Quedou tamén en nada”, engaden.

“Cada vez que pediamos que se continuase o proceso sancionatorio por tirar sen licenza a casa o goberno local respondía ou que había un xuízo ou que estaban coas multas coercitivas para que a reconstruíse”, relata Del Río. “A sentenza foi absolutoria e a multa coercitiva non é unha sanción por demoler un edificio protexido, polo que o Concello ten que impoñer unha sanción por destruír patrimonio histórico”, explican desde o BNG.

Para o BNG, que o goberno local xogase a confundir á xente facendo ver que se sancionaba ao propietario con cada multa coercitiva é censurábel. Neste sentido, recordan que tanto o PSOE coma os grupos que apoian ao goberno local “venderon, por activa, pasiva e perifrástica que había unha partida nos orzamentos para recuperar a Casa Gótica por execución subsidiaria”. “Van anos desde o primeiro anuncio deste tipo e o certo é que pronto farán dez anos de que se tirase a casa, sen sancións por facela desaparecer e sen vías para recuperala”, explica Del Río.

A Xunta ten que aclarar por que non retomou outro procedemento sancionatorio

As nacionalistas censuran que o goberno local derive agora calquera responsabilidade de recuperar a casa oxival á Xunta. “Que a Xunta a compre non é garante de que a vaia amañar, como evidencian as casas que o goberno galego ten a caer pola rúa da Cerca ou da Torre”, engade o voceiro do BNG. “Á veciñanza nos resulta indiferente que actúen uns ou os outros, pero o que non pode ser é que leven 10 anos e ningún fixese nada”, engade.

“En 2011 a Xunta anunciou no DOG a apertura doutro procedemento sancionatorio contra o propietario por botar abaixo a Casa Gótica, con sanción mínima de 150 000 euros” recordan desde o BNG. As nacionalistas explican que o goberno galego parou o procedemento polo xuízo, mais que non o retomou logo de ser firme a sentenza.

Por este motivo o BNG ven de rexistrar no Parlamento de Galiza unha batería de iniciativas demandando ao goberno galego que retome o procedemento sancionatorio e para que aclare por que non se reabriu coa sentenza. “Non queremos pensar que o PP pretende que a demolición quede impune”, engaden.

O BNG defende que sexa un centro sociocultural

As nacionalistas veñen defendendo hai lustros a necesidade de que a Casa Gótica pase a formar parte do patrimonio municipal para garantir a súa conservación. Neste sentido, avogan por transformala nun centro veciñal e sociocultural, dadas as carencias do Casco Histórico neste eido. O BNG xa ten manifestado varias veces o seu apoio ao goberno local no caso de que optase por expropiala, unha acción que o goberno local comprometeu varias veces sen chegar a levala adiante.