Pedimos ao goberno local estremar a coordinación do SAF para garantir a seguridade das traballadoras e das persoas usuarias

Henrique del Río é o portavoz do BNG
Henrique del Río é o portavoz do BNG

Neste momento, argumentou, “o importante é poñer por diante a vida das persoas a saúde dos e das traballadoras, salvar vidas, o primeiro agora mesmo é garantir a saúde e superar canto antes a crise sanitaria”. Por isto cómpre garantir medios e recursos axeitados para as traballadoras do SAF, “veñan da empresa, do Concello ou da Xunta”.

Pedimos ao goberno local estremar a coordinación do SAF para garantir a seguridade das traballadoras e das persoas usuarias

Betanzos, 30 de marzo de 2020. O BNG propuxo ao goberno local estremar a coordinación do servizo de axuda no fogar (SAF) para que garanta a seguridade das traballadoras e das persoas usuarias e as súas familias. “Entendemos que ningunha Administración nin ningunha empresa estaba preparada para unha situación como esta, pero haberá que mirar como ir mellorando as cousas e reducir os riscos o máximo posíbel”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

As nacionalistas entenden que o Concello debe estremar a coordinación entre a empresa concesionaria do SAF e as persoas usuarias. “Revisar e pulir todos os detalles susceptíbeis de ser retocados para evitar ao máximo o risco”, abunda Del Rio. Neste sentido, desde o BNG xa propuxeran a pasada semana na xunta de voceiros establecer “un lugar onde poidan permanecer as traballadoras do SAF entre domicilios e un transporte adecuado nestes momentos”. “Nesta situación, que as traballadoras teñan que facer o tempo na rúa entre un servizo e outro é un risco innecesario”, explican.

Neste momento, argumentou, “o importante é poñer por diante a vida das persoas a saúde dos e das traballadoras, salvar vidas, o primeiro agora mesmo é garantir a saúde e superar canto antes a crise sanitaria”. Por isto, abundan as nacionalistas, cómpre garantir medios e recursos axeitados para as traballadoras do SAF, “veñan da empresa, do Concello ou da Xunta”.

O BNG volveu trasladar todo o apoio, recoñecemento e orgullo ás persoas que están en primeira liña plantando cara ao virus, mesmo poñendo en risco a súa seguridade, para que a maioría da poboación poda estar atendida e coas necesidades básicas cubertas. Igualmente, toda a solidariedade e cariño coas familias que perderon algún ser querido, ou que viven situacións persoais de contaxio, para todos e todas unha aperta solidaria.

Finalmente, o portavoz nacionalista pediu á veciñanza “que queden na casa xenerosamente e que miren de saír o mínimo posíbel”. “É fundamental cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias para atallar esta situación, é o noso contributo ao traballo de sanitarias, limpadoras, transportistas, labregas e empregados de tendas de alimentación, traballadoras do SAF....” concluíu.

Pedimos ao goberno local estremar a coordinación do SAF para garantir a seguridade das traballadoras e das persoas usuarias