Conta xeral de 2015: contido e posicionamento

Conta xeral de 2015: contido e posicionamento

Contido

Aquí tes íntegra a conta xeral de 2015, para que poidas botarlle un ollo persoalmente:

 

Posicionamento

A seguir publicamos íntegras as intervencións de toma de postura e réplica no debate plenario celebrado o pasado 5 de outubro:

O documento que nos presenta o goberno do PSOE, a conta xeral, reflexa como executou o orzamento de 2015, que é o prorrogado de 2014 que ese mesmo PSOE aprobou nun despacho do Liceo despois de ser incapaz de chegar a acordos con ninguén. 

Como ven sendo habitual na forma de gobernar do PSOE en Betanzos o gasto dos cartos públicos faise, tamén, dunha forma completamente opaca, sen ningunha transparencia, é dicir que é imposíbel saber e facer seguemento de como e en que se gastaron os nosos cartos. Os cartos de toda a veciñanza. 

É tan certo o que digo que o propio documento comeza, no mellor dos casos con inexactitudes, no peor con mentiras: en 2015 este Concello tivo dúas Corporacións, non só a que pón o alcalde na súa memoria. Toda a veciñanza recordará que as últimas eleccións municipais foron en maio de 2015, aínda que pareza que o PSOE leva toda a vida gobernando. Podería ser unha anécdota, de non ser que na relación de empresas “operadoras en el sector respectivo” – que pronto empezamos a incumprir o ordenanza de usos do galego, que acabamos de aprobar no Pleno anterior -o señor alcalde omite, xa non só á célebre Complejo San Roque SL, senón ás empresas que o Concello tiña contratadas nese 2015 para facer os enterramentos no cemiterio, reparar as vías públicas, mantemento de zonas verdes ou limpeza de rúas e edificios públicos. Claro que isto sería recoñecer que están privatizados e dar unha información que leva celosamente ocultando por máis de ano e medio. (ver páxina 6). E a veciñanza preguntarase porqué? Porqué o PSOE non quere que saibamos que son empresas privadas as que están emprestando os servizos públicos que antes xestionaba directamente o Concello? Porque queren seguir mentindonos e dicindo todos os días que defenden os servizos públicos noutras admnistracións mentres onde gobernan privatizan igual que o PP. Ou porque non fondo se avergonzan de facer a mesma política que o PP, espero que algún día nolo expliquen. 

A falta de transparencia pasa tamén aos modificativos que o orzamento sufriu neste 2015 ao que nos referimos. Unha parte coñecémolos, porque os tivo que aprobar o Pleno, pero outra parte foron aprobados por Resolución da Alcaldía e desas non se nos deu conta a pesar de que é obriga dar conta en cada Pleno de todas as resolucións asinadas entre unha e outra sesión plenaria. Dío a Lei, non o BNG. Así aparecen despois cantidade de cartos gastados en cousas que non están previstas no orzamento, sobre as que logo voltarei.

E o problema da falta de transparencia é que estamos a falar de cartos públicos, de diñeiro de todas nós, polo que temos dereito a saber en que se van. Mais, visto o visto nesta conta xeral do último ano electoral, é lóxico que non o conten, eu sentiría vergoña se estivese malgastando os cartos de todas como esta conta dí que gastan. 
En protocolo (para que nos entendamos comidas e agasallos) o orzamento prevía 7000 euros, que xa era moito máis que abondo.  De feito, nós propuxemos dedicar estes cartos  a gastos que repercutisen na veciñanza, e non en pagar pinchitos a quen vostedes elixen graciosamente. Ben, gastaron 45 713,72 euros en protocolo no ano electoral 2015. 38 713,72 euros por fóra do orzamento, un 653.71% máis do previsto

En propaganda, o de gastar cartos nosos para convencernos do ben que o fan todo e para explicarnos que Betanzos está tan cerca de Betanzos que case se tocan, fundiron 55 962.42 €. Se reparamos que o orzamento tiña para isto 14618,41 que lles parecía pouco autobombo e subiron 3000 euros máis nun modificativo. Ben, gastaron, sen telos, 38 344,01 euros en propaganda por fóra do orzamento. O 217% máis do que tiñan orzamentado. Que nos intenten convencer do ben que gobernan polo que parece saenos bastante caro. 

En total, e só nestas cousas totalmente prescindíbeis- pinchitos a quen vostedes elixen discrecionalmente e autobombo- fundiron 77 057,73 euros por fóra do orzamento. Contratación responsábel, si señor. Saben que medio millón de pesetas de 1970 serían hoxe 63 036 euros segundo o INE? Se non tirasen os nosos cartos nestes dispendios, até terían para pagar os famosos leóns de Covadonga e aínda lles sobrarían cartos.

Brincadeiras fóra, que o tema é serio. Tan serio que gastaron, segundo os seus números, 1 095 811.55 euros en todos os servizos que teñen privatizados neste Concello, que non son poucos. Prevían no orzamento 749 641,89 e subírono, porque era pouco privatizar, até 907 319,35. (pax. 354) E aínda así fundiron case cen mil euros máis en seguir privatizando. Era ano electoral, a ocasión ben o merecía: todo para gañar as eleccións. Por certo eleccións nas que prometían defender os servizos públicos. Non sei como casa isto. 

Dentro deste millón cen mil euros de servizos privatizados hai cousas curiosas, que requiren un segundo de atención. Como a privatización encuberta do cemiterio: prevían 3000 euros para traballos da empresa privada no camposanto, e a pesar de que o orzamento e limitativo en gastos, fundiron 19 452,38 euros en pagarlle, mes a mes e factura a factura, á empresa que sen contrato enterraba despois do desmantelamento do servizo público (p. 331). En fraude de lei, evitando o concurso público que total saelles gratis. Sempre se fixo así, o servizo está prestado así que hai que pagalo, que é o que nos contan. Debeu de haber algún aviso serio do funcionariado agora para que optasen, despois de anos de cacicada, por sacalo a concurso. E claro, co conseguinte recurte no persoal público, como xa falamos no 2015 e como volve acontecer estes días na escola infantil municipal, por exemplo.

Ou as festas. A famosa contención do gasto do PSOE nas festas e o concurso para contratarlle as orquestras ao de sempre que ía abaratar os gastos. E resulta que non, que era mentira. Que no gasto en festas fóiselles a man, e onde dicían que ían gastar 160 000 euros emendáronse, e puxeron 175 000 euros (con outro modificativo) para acabar gastando 217 650,9 euros, só nas festas de agosto. Porque logo, coa Feira Franca Medieval funden 69 350,97 euros, cando dixeran que serían 60 000. Total, que só nas festas de xullo e agosto temos 287 001,87 euros recoñecidos como gastos en festas. Aos que hai que sumar entroido, nadal e outros festexos, que irán en partidas que é imposíbel identificar cos datos que nos dan e outras partidas de festexos populares que meten en programas como a asistencia social primaria. E falando das festas, un ano máis pago irregular do globo, con reparo da Intervención, máis de 17 000  euros sen factura, sen tributar, sen cumprir coa legalidade que hai que dar por bo porque “sempre se fixo así”, igual que os cartos do noso peto que dá o alcalde porque si a unha congregación relixiosa; que se quere facer caridade parécenos ben, pero cos seus cartos, non cos de todos. Que esta non é forma de gastar os recursos públicos.

E pensará a veciñanza, e cal é o problema de que se gaste en festas? De que se queiran facer unhas boas festas? Ningún problema con que se queiran facer unhas festas dignas e para todas, o problema é outro. O problema é o dispendio de cartos públicos mentres a escola infantil municipal non ten persoal, os locais de ensaio están caendo a cachos igual que todo o patrimonio... Ben para facer unhas festas dignas para Betanzos non fai falta tirar cartos, e ao revés comprobado queda que máis gasto non son mellores festas. 

E despois a luz, o gasto en enerxía eléctrica. Gastaron no 2015 230 424,24 euros, aos que hai que sumar os 307 797.51 euros que deixaron embargados para o 2016 e xa viñeron a pleno. Suman 538 221,75 euros, moi por riba dos 464 398,97 euros do orzamento de 2015 e moi por riba dos 506 000 do de 2016, que minoraron en 20 000 euros. E xa advertimos que non van chegar os cartos no seu día. Aquí está a proba.

O que non gastaron foi a partida de 6000 euros para as bolsas para actividades extraescolares, unha demanda da ANPA que o BNG leva anos trasladando ao Pleno e que meteron no orzamento e que publicitaron cando aprobaron o orzamento para despois non convocalas. É imposíbel gastar os cartos en bolsas se non se convocan, como as que ía haber para o conservatorio e para as subvencións en concorrencia competitiva a asociacións.

Porque no 2015 pagaron as subvencións en concorrencia de 2014- logo da ilegalidade de prorrogar un prazo xa vencido- pero non convocaron as de 2015. Porén, nas subvencións que dan a dedo, non só se sacou foto electoralista o alcalde asinando os convenios o día antes de que comezara a campaña electoral, senón que pagan as subvencións a dedo de 2015 e permiten que cobren a do 14 quen non a xustificou ese ano. Unha discriminación máis para quen ten un prazo de un mes para xustificar a subvención obtida en pública concorrencia. E así, vostedes impiden que as entidades teñan actividade continua porque non saben se van ter unha axuda do Concello ou non, se a van cobrar ou non, a non ser que sexan do selecto grupo das escollidas polo PSOE. E iso ten consecuencias á hora de ter asociacións de veciños que poidan funcionar como tales e para ter actividade cultural e recreativa sostíbel. Claro que iso precisamente é o que vostedes pretenden, ter á xente collida na man, comendo da súa man e debéndolles favores que é o obxectivo último do que fan. Xa o advirte a Interventora cada vez que fai un informe que se non hai un plan de subvencións e uns obxectivos a acadar é por algo.

E dito isto, analicemos tamén a parte que corresponde aos ingresos. Onde atopamos o de sempre, pero a peor: concesionarias que non pagan, que seguen sen pagar, irregularidades noutros ingresos e, en definitiva, vemos que cada un ingresa o que lle parece agás os que temos unha nómina polo banco, que se non pagamos o que se debe nolo collen da conta bancaria.

Pero e que é o propio goberno local quen cobra determinados ingresos a tanto alzado, a ollo, pola conta da vella ou como se queira dicir: pasa nos ingresos dos postos da Feira Franca Medieval e pasa cos libros que se vende, ao parecer sen mirar sequera de cumprir con Facenda e o IVE, segundo revela a Intervención.

Especialmente grave é o da Feira Franca Medieval, pola cantidade de anos que levamos reclamando documentación para saber como se selecciona, quen selecciona, como se cobra e onde se ingresan os cartos derivados da Feira Franca. E, obviamente, á vista deste informe, entendemos o celo con que levan anos ocultándonolo. Non é para menos.

Comprenderán que con este panorama non avalemos isto co noso voto. Que non deamos o noso visto e prace nin a como gastan, nin a como ingresan nin a como esconden os datos que deberan ser públicos. Porque nos parece que seguen a facer as mesmas políticas calcadas ás da dereita dos últimos anos, e os datos están aquí para demostralo o noso voto vai ser en contra. 

Esta é a intervención da quenda de réplica:

Claro vostede que vai dicir, vostede ten que defender o indefendíbel. Unhas contas que deixan en evidencia a falta máis absoluta de ética no gasto de cartos públicos máis no ano 2015, un ano de crise económica no que grande parte da nosa veciñanza pasou graves apretos económicos. Por iso, e a pesar do que vostede diga, o BNG vai votar en contra. E imos votar en contra porque non entendemos que o mellor para a nosa veciñanza, o máis necesario sexa gastar 45 mil euros en protocolo, nin gastar 55 900 en propaganda e publicidade. Porque pensamos que isto é o mellor para o goberno, para vostedes, non para todas. E no fondo vostedes tamén o saben. 

Imos votar en contra porque estamos convencidos de que seguir perdonando ás empresas privadas o que lles corresponde pagar mentres se siguen enriquecendo xestionando as concesións non é o mellor para a nosa veciñanza. Pensamos que seguir privatizando servizos para favorecer empresas amigas, seguir facendo ñapas os meses antes das eleccións ou facendo clientelismo con cartos de todas non é desde logo o mellor para a veciñanza. Desde logo dubidamos sequera que se acorden de nos, dos veciños e veciñas cando toman esas decisións. 

1-    INVESTIMENTO POR HABITANTE. Onde vostede di que dobraron o investimento por habitante oculta que o endebedamento por habitante pasou de 92.17 euros a 154.85. Gastaron sen pensalo o que non tiñamos e esta é a consecuencia. Pero o máis preocupante é en qué, en qué gastaron ese investimento? Porque desde logo o Casco Histórico está caendo igual que antes, as rúas igual de sucias que sempre, o Pasatempo abandonado como sempre e en definitiva gastaron en ñapas para facer campaña con cartos públicos. Por suposto, sen consultar á veciñanza nin a ninguén sobre a necesidade destes gastos. 

2-    PROTOCOLO. Mire, a ver, nos non temos problema con que se lle pague un bocadillo á chavalada que ven tocar ou a quen bota unha man en protección civil. Pero, que era de percebes o bocadillo? de caviar de beluga? Digo porque son 45 mil euros. Que pagaron bocadillos a toda a veciñanza menos á militancia do BNG? Que digo, a toda a provincia? 
Mire, é unha tomadura de pelo que pretenda facernos crer que bocadillos de 2 días ou agasallos a quen nos visita custan 45 mil euros. Non digo mais, pero igual ten mais que ver con subvecións encubertas ás irmás agostiñas, asociacións... como di a interventora nos seus informes. 

3-    PROPAGANDA. O que si é bastante demagoxia é intentar afirmar que 55 mil euros se gastan en publicidade no BOP. Nin no BOP, nin no BOE, nin no DOG, nin no DOUE. Canto vale cada anuncio? O tema é que o orzamento que vostedes sós aprobaron prevía 1000 euros para anuncios en diarios oficiais. E o repite o de 2016. Mentía antes ou minte agora? 
Desde o BNG estamos convencidos de que este gasto desmesurado ten máis que ver coas páxinas enteiras a toda cor na parte comarcal dun diario de gran tirada ou cos valos publicitarios, e as pegatinas das marquesinas que coas publicacións para convocar contratacións, porque tampouco fixeron tantas que a maioría foron a dedo, coma sempre. 

4-    REPARO GRUPO MUNICIPAL DO BNG. Ben, imos ver o grupo municipal do BNG constituiuse legalmente, conforme a lei e os usos deste concello no pleno. Como consecuencia e como todo o resto de grupos temos dereito a cobrar a nosa asignación a grupo. Non somos o primeiro grupo que se constitúe con unha persoa, xa CxB na última lexislatura tivo un só concelleiro e grupo propio. Non somos tampouco o único grupo que cobra asignación, todos os que estamos aquí sentados cobramos a asignación. 
É máis, no BNG estamos orgullosos de facer todos os días todo o posíbel para merecelo. Para ser útiles á nosa veciñanza, para facer a nosa labor rigorosamente e polo tanto para gastar os cartos de todas en darlle información ás veciñas, cousa que todo o mundo sabe é que é fácilmente comprobábel. Aquí sí que non todos os que estamos aquí podemos afirmar o mesmo, e aquí prefiro deixalo… 

5-    INFORMES DOS TÉCNICOS. Imos ver, volvemos de novo ao mesmo debate de todos os Plenos que penso que xa resulta un pouco aburrido. Os informes as persoas que os redactan fano con toda a boa intención de dicirnos o que se adapta ou non a lei segundo o seu criterio. Pero claro, as leis son interpretábeis. Xa non se lembra cando no mes de xullo ignoraron os informes de secretaria e intervención para pagar inmediatamente o Palco? 
A cousa é que os informes son en base a unha lei, pero non valorar a oportunidade, nin a ética, nin a dignidade. Ben pois hai un criterio político que si debe valorar estas cousas e en base a ese criterio é ao que imos votar en contra. 

En definitiva votamos en contra convencidos de que estas contas son unha forma de facer política. A mesma política que o PSOE e o PP levan facendo no Concello toda a vida e nos pensamos que é necesario cambiar e facer as cousas contando coa xente. Pedindo a súa opinión antes de malgastar os seus cartos. Tomar decisións sen ter que ocultarllas á veciñanza e en definitiva, e como sempre lle dicimos, cando o PSOE se decida, se algunha vez se decida a facer unha política para o pobo, para a maioría dos betanceiros e betanceiras terá o apoio do BNG. Mentres siga facendo política de dereita teremos que seguir votando en contra. 

 Pinchando aquí podes escoitar o debate íntegro da conta xeral.