"SEMELLANTE VOLUME DE TRABALLO EXIXE UNHA DISPOÑIBILIDADE E UN GRAO DE ENTREGA QUE NON SE LLE PODE EXIXIR A NINGUÉN DE XEITO DIARIO E VOLUNTARIO. MÁXIME CANDO SON AS ADMINISTRACIÓNS- XUNTA E CONCELLO- E NON UNHA ASOCIACIÓN AS RESPONSÁBEIS DESTAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES"

Comprometémonos a que o Concello asumirá xestión das actividades extraescolares nos centros escolares públicos

Xuntanza coa ANPA Brigantium no CEIP Vales Villamarín
Xuntanza coa ANPA Brigantium no CEIP Vales Villamarín

"Semellante volume de traballo exixe unha dispoñibilidade e un grao de entrega que non se lle pode exixir a ninguén de xeito diario e voluntario. Máxime cando son as administracións- Xunta e Concello- e non unha asociación as responsábeis destas actividades extraescolares"

"Que haxa actividades extraescolares é imprescindíbel para que haxa xornada continuada e iso está demostrado que repercute nunha maior calidade do ensino"

Comprometémonos a que o Concello asumirá xestión das actividades extraescolares nos centros escolares públicos

O BNG trasladou esta cuestión ao Pleno de marzo, demandando do goberno que aclare que pensa facer despois de “que a ANPA tomase a decisión de deixar de organizar as actividades e das múltiples veces que este tema se ten debatido e aprobado no Pleno municipal nos últimos anos”

Betanzos, 3 de abril de 2019. O BNG comprometeuse a que o Concello asumirá xestión das actividades extraescolares nos centros escolares públicos logo de maio. "Asumir a organización das actividades extraescolares non é o cometido dunha asociación de nais e pais e non se lles pode exixir, como fixo o goberno local até agora, que sigan cunha responsabilidade deste calibre", explicou o candidato do BNG, Henrique del Río.

O BNG trasladou esta cuestión ao Pleno de marzo, demandando do goberno que aclare que pensa facer despois de “que a ANPA tomase a decisión de deixar de organizar as actividades e das múltiples veces que este tema se ten debatido e aprobado no Pleno municipal nos últimos anos”.

"Que haxa actividades extraescolares é imprescindíbel para que haxa xornada continuada e iso está demostrado que repercute nunha maior calidade do ensino", detalla o nacionalista. "E un ensino público de calidade é algo de interese xeral para a veciñanza, por riba de todo porque contribúe a superar a desigualdade", engade Del Río.

"Temos claro que o goberno galego é o responsábel da política educativa, mais non é menos certo que o Concello, como administración máis próxima á veciñanza, debe facer un esforzo para que se manteñan as actividades e manter o actual horario escolar para a veciñanza- mellor en termos de conciliación e en criterios pedagóxicos- e complementar o ensino regrado con este outro informal" engade o candidato do BNG á Alcaldía de Betanzos.

As nacionalistas recordan que son varios centos de cativos e cativas quen participan nestas actividades. "Semellante volume de traballo exixe unha dispoñibilidade e un grao de entrega que non se lle pode exixir a ninguén de xeito diario e voluntario. Máxime cando son as administracións- Xunta e Concello- e non unha asociación as responsábeis destas actividades extraescolares", indica o portavoz nacionalista.

"É posíbel e factíbel que o Concello asuma a organización destas actividades extraescolares", abunda Henrique del Río. "Outros concellos están a facelo, o propio Concello de Betanzos organiza campamentos e actividades coa comunidade escolar ao longo do ano, non hai escusa", engadiu.

O BNG xa manifestou á ANPA Brigantium a súa disposición a que o Concello asuma as actividades extraescolares antes de que esta acordase na asemblea xeral deixar de facerse cargo das actividades extraescolares, como levan advertindo desde hai anos.