O BNG recurre o acordo que inicia a privatización da radio municipal

O BNG recurre o acordo que inicia a privatización da radio municipal

“PSOE, PP e CxB cambiaron de criterio con respecto á radio en función da súa comenencia, nós seguimos defendendo que ten que dar unha información de proximidade que non é rendíbel para as grandes empresas de comunicación”.

Betanzos, 15 de marzo de 2013. O BNG recurriu o acordo polo que o Pleno, cos votos de PP e CxB, comeza o proceso de privatización da emisora municipal. No seu recurso, o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, asegura que “resulta evidente que se incumpre o ordenamento de réxime local e que o alcalde consentiu na vulneración dos dereitos que este ordenamento dá aos membros da Corporación”.

Os nacionalistas recordan que pediron que o asunto ficase sen votar para que se achegasen informes sobre a legalidade da proposta de privatizar a radio, feita por CxB e apoiada polo PP. Del Río asegura que “o ordenamento xurídico é moi claro a respecto da solicitude de informe por parte dos grupos políticos durante o debate plenario”. Recorda que, coa lei na man, “calquera concelleiro poderá pedir a retirada dalgún expediente incluído na orde de día, para que se incorporen informes” e mesmo “pedir que a discusión dun asunto quede para a seguinte sesión”.

Os nacionalistas, que fixeron esta solicitude durante o debate da proposta de privatización da radio local, aseguran que “a solicitude de informe e adiar o debate tiña que ser votada”. A lexislación prevé que isto se faga “tras rematar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto”.

“O alcalde consinte para bailarlle as augas a CxB”

Os nacionalistas acusaron ao alcalde de permitir esta irregularidade “para seguir bailándolle as augas a CxB”. “O voceiro do PSOE no Pleno tachou a proposta de privatizar a radio de ilegal, e a pesar deso impediron que pediramos máis informes para despexar calquera dúbida ao respecto”, recordou o edil do BNG.

“O PSOE renuncia ao seu programa, aos seus compromisos coa veciñanza con tal de seguir tendo do seu lado o voto do único edil de CxB”, lamentou Del Río. “Iso precisamente é o que dá mala imaxe á política, facer calquera cousa con tal de seguir na cadeira”, reprocha. “Alá eles cos seus representados, pero nós non imos renunciar aos dereitos que a Lei dá á veciñanza”, asegurou.

O BNG ficou só defendendo a emisora como un servizo público

“Comprometímonos a que a radio municipal fose plural e estivese ao alcance de toda a veciñanza e imos facer todo o posíbel por que así sexa”, afirmou o voceiro do BNG. “PSOE, PP e CxB cambiaron de criterio con respecto á radio en función da súa comenencia, nós seguimos defendendo que ten que dar unha información de proximidade que non é rendíbel para as grandes empresas de comunicación”, indicou. “O BNG foi o único grupo que votou en contra de privatizar a radio municipal”, concluíu.