O BNG reclamará de novo bolsas para actividades extraescolares

O BNG reclamará de novo bolsas para actividades extraescolares

O grupo municipal do BNG

Del Río: “solicitamos que se cree unha liña de bolsas para actividades extraescolares e que dote suficientemente as bolsas para comedor e material escolar”. O BNG presentará tamén unha moción para apoiar os dereitos do colectivo LGTB (Lesbianas, gais, transexuais e bisexuais).

Betanzos, 22 de xuño de 2013. O BNG reclamará no Pleno que o goberno local do PSOE cree unha liña de bolsas para actividades extraescolares e que dote suficientemente as bolsas para comedor e material escolar.

“Hai un ano por estas datas o BNG presentou unha moción idéntica a esta, que foi apoiada por todos os grupos políticos”, explicou o portavoz do BNG Henrique del Río, “mais as prioridades do goberno local do PSOE foron outras e preferíron destinar os fondos municipais a gastos accesorios e non ao ensino”.

“No BNG consideramos que o Concello debera facer un esforzo para poñer ao alcance de toda a veciñanza este servizo por medio dunha liña de axudas que evite a exclusión das persoas con menos recursos das actividades extraescolares para súas fillas e fillos”, indicou Del Río, “ademais esta sería unha achega as políticas de conciliación da vida laboral e familiar que é un dos obxectivos do Plan de Igualdade do noso Concello”.

“A terríbel situación económica que estamos a padecer, unida as medidas tomadas tanto polo goberno galego coma polo goberno do estado español, deixan nunha situación moi complicada á maioría da sociedade facendo moi difícil cando non imposíbel manter nada que non sexan os gastos indispensábeis”, engadiu o nacionalista, “no BNG entendemos o ensino público como unha ferramenta correctora de desigualdades sociais, e polo tanto, cremos que goberno local do PSOE ten que facer un esforzo para garantir a inclusión das persoas con menos recursos”.

O BNG reclamará tamén que se doten suficientemente as bolsas para comedor e material escolar e que se convoque o proceso para adxudicalas coa máxima urxencia e publicidade. “Acaba de rematar o curso escolar que sería o momento perfecto para facer unha difusión destas convocatorias a través dos propios centros educativos. Aínda así, entendemos que a convocatoria non se pode retrasar até o mes de agosto, xa que en plenas vacacións é mais complicado facer chegar a información ás nais e pais e que todas as persoas que teñen dereito a estas bolsas as soliciten”, engadiu Del Río.

O BNG presentará tamén unha moción para apoiar os dereitos do colectivo LGTB (Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transexuais)

“O 28 de xuño é o Día Internacional da Liberación LGBT, e con este motivo entendemos que é preciso que as institucións democráticas manifesten o seu apoio ás reivindicacións da comunidade LGBT”, explicaron os nacionalistas. “Por isto, solicitaremos que o Concello manifeste o compromiso a contribuír á integración e á normalización da comunidade LGBT, para garantir o dereito de todas as persoas a seren tratadas con respecto independentemente da súa orientación ou identidade sexual”.