O BNG reclama a limpeza do entorno do río dos Pelamios

María Otero é concelleira do BNG
O BNG reclama a limpeza do entorno do río dos Pelamios

“O goberno local non quere aprender: tiveron que readmitir a varios empregados aos que lles obrigaban a facer traballos diferentes aos cometidos propios do GRUMIR e seguen na mesma.”

Betanzos, 13 de febreiro de 2013. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local limpe e manteña adecuadamente o entorno do río dos Pelamios, en Caraña. A concelleira nacionalista María Otero indicou que “as escaleiras que unen a rúa de Saavedra Meneses co río dos Pelamios están moi descoidadas”, ao punto de que a veciñanza advertiu de “varias caídas” ocasionadas polo verdín e o musgo que acumula a zona.

Por este motivo, os nacionalistas urxiron ao goberno local do PSOE que garanta a seguridade dos usuarios desta pista “limpando” o camiño. Desde o BNG reclamaron ao executivo local que explique cando ten pensado efectuar esta limpeza e se van botar man “do uso irregular do persoal do GRUMIR, como veñen facendo nos últimos tempos”.

O goberno local pon aos empregados a facer funcións diferentes as que lles corresponde

Os nacionalistas denunciaron que “a veciñanza de diversos puntos do municipio trasladaron aos nacionalistas que os operarios do GRUMIR continúan a facer traballos que non lles corresponden, como “limpeza de rúas, camiños e beiravías en distintos puntos do concello”. “O alcalde e o seu goberno non queren aprender: tiveron que readmitir a varios operarios aos que lles obrigaban a facer traballos diferentes aos cometidos propios do GRUMIR e seguen na mesma”, lamentou o voceiro do BNG, Henrique del Río, “os traballadores do GRUMIR teñen unhas funcións e o que está facendo o concello e abrir a porta a novas denuncias ao actuar en fraude de lei”.

Os nacionalistas explicaron que esta era unha práctica habitual durante o goberno do PP e agora co goberno do PSOE, continúan na mesma liña que criticaron na oposición. “Hai anos que vimos denunciando a política de persoal no Concello e puxemos alternativas concretas enriba da mesa, pero o PSOE preferiu continuar coas mesmas prácticas do PP, coma noutros temas, en lugar de buscar unha solución”, explicou Del Río.

O BNG reclama a limpeza do entorno do río dos Pelamios