O BNG quere abrir un centro de día público no antigo ambulatorio

A proposta figura nas dez medidas prioritarias dos nacionalistas. Henrique del Río: “cun investimento mínimo Betanzos contaría cunha infraestrutura moi necesaria”.

O BNG quere abrir un centro de día público no antigo ambulatorio

A proposta figura nas dez medidas prioritarias dos nacionalistas. Henrique del Río: “cun investimento mínimo Betanzos contaría cunha infraestrutura moi necesaria”.

Betanzos, 7 de maio de 2011. O BNG propón abrir un centro de día público no edificio do antigo ambulatorio. Segundo o candidato nacionalista á Alcaldía, Henrique del Río, “cun investimento mínimo Betanzos contaría cunha infraestrutura moi necesaria”.

O BNG insiste na necesidade de crear un centro de día público en Betanzos para atender a maiores e dependentes. Segundo apuntan os nacionalistas “María Faraldo bloqueou a apertura do centro de día no mandato que finaliza”. Desde o BNG censuran ademais que “Feijóo comprometeu un centro de día público e non cumpriu”. Para os nacionalistas isto débese a que “o PP quere facer negocio cos servizos sociais”.

O candidato nacionalista á Alcaldía, Henrique del Río, entende que “en tempos de crise o goberno local debe facer un esforzo de investimento nas políticas de benestar para as maiorías sociais”. O líder do BNG insiste en que “máis que nunca, hai que investir nos servizos públicos apostando polo sector público fronte ás privatizacións”.

Dar uso sociocultural ao lavadoiro das Cascas

En referencia ao anuncio feito pola candidata do PP sobre o río Mendo, os nacionalistas lamentan que Faraldo se acorde logo de catro anos do medio ambiente, un área “onde non fixo nada”. No BNG insisten no seu proxecto dun sendeiro á beira do Mendo cunha gran zona verde que inclúa estacionamentos e dotacións deportivas e de lecer.

No mesmo sentido, o BNG lamentou que Faraldo tardase catro anos en pensar as súas propostas para o lavadoiro das Cascas. Os nacionalistas entenden que “está moi ben amañar o edificio pero hai que dotalo de contido”. O BNG aposta por darlle un uso sociocultural ao lavadoiro das Cascas.