O BNG propón que o Concello asuma unha parte do canon do edificio do porto a cambio dun uso público

As hortas da Cañota están entre o río e varios edificios
As hortas da Cañota están entre o río e varios edificios
O BNG propón que o Concello asuma unha parte do canon do edificio do porto a cambio dun uso público

Un grupo de piraguas polo Mandeo

“Estamos en contra, coa situación económica que estamos vivindo, de que se suban as taxas de escola infantil e se recurten servizos como sanidade ou educación para manter políticas clientelares”.

Betanzos, 20 de xullo de 2012. O BNG reuniuse recentemente cunha representación do clube Ría de Betanzos para coñecer de primeira man os detalles do canon que a Xunta exixe á entidade para utilizar o novo edificio do porto e tentar buscar posíbeis solucións. Neste sentido, os datos barallados polo BNG son os que facilitou a directiva do clube na mentada xuntanza.

“O PP non dixo nada de que houbese que pagar un canon polo uso do edificio cando vendeu o ‘favor’ da súa construcción”, censurou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “En plena crise o PP embarcou a Portos de Galiza na construción dun edificio que agora non se sabe como se vai manter”, indicou. Non sería o único caso de investimentos infrautilizados ou directamente en desuso e mal conservados na comarca. “Mesmo en Betanzos habería casos coma o local social de Guiliade ou o das Minas”, aseguran.

Neste sentido, “todos queremos as mellores instalacións pero despois hai que mantelas adecuadamente, polo que hai que ser eficiente no gasto público”, aseguran desde o BNG. Recoñecendo os grandes méritos deportivos do Ría de Betanzos e o seu labor co deporte de base, cun edificio que non supuxese semellante investimento os custos de mantemento serían inferiores.

O propio presidente, na xuntanza mantida co BNG, recoñecía que terían que ter a calefacción e o ascensor do edificio fóra de funcionamento ante a imposibilidade de afrontar semellante gasto.

“O PP, que provocou este dispendio para vender favores, non dá ningunha solución á situación que xenerou, aparte de dicir que asuma o gasto o propio Concello”, lamentan os nacionalistas. “O BNG apoiaría que o goberno local se fixese cargo dunha parte dos gastos a cambio dunha contraprestación pública, como por exemplo o uso publico do ximnasio ou da sala de reunións do edificio”, apuntan os nacionalistas. Isto sería unha maneira, explican, de sacarlle un maior partido ao investimento realizado á vez que os cartos que destine ao centro o Concello repercutan en mellores servizos para todos os veciños e veciñas.

“O PP, que provocou este dispendio para vender favores, non dá ningunha solución á situación que xenerou, aparte de dicir que asuma o gasto o propio Concello”

Esta postura foi a que o BNG trasladou á representación da directiva do clube na xuntanza mantida recentemente. Desde o BNG insisten en que non é de recibo que se continúen incrementando as subvencións nominativas ás que non todas as entidades poden acceder. “Tanto neste caso coma no do campo de fútbol, entendemos que o que se fixo con cartos de todos debera ser para uso de todos”, aseguran desde o BNG.

“Estamos en contra, coa situación económica que estamos vivindo, de que se suban as taxas de escola infantil e se recurten servizos como sanidade ou educación para manter políticas clientelares”, conclúen. “Hai que ver en que se invisten os cartos públicos e en todo caso teñen que traducirse en mellores servizos para toda a veciñanza”.

O BNG propón que o Concello asuma unha parte do canon do edificio do porto a cambio dun uso público