O BNG pide que se repare a fonte dos Remedios

Estado que presenta actualmente a fonte dos Remedios
Estado que presenta actualmente a fonte dos Remedios
O BNG pide que se repare a fonte dos Remedios

O BNG xa solicitou no Pleno o amaño da fonte dos Ánxeles e a da “señora Jesusa”, na Xerpe. “Vai un ano diso e a pesar dos plans de mantemento insistentemente anunciados polo PSOE non se fixo nada por preservar estes exemplos da arquitectura tradicional”.

Betanzos, 3 de xaneiro de 2013. O BNG reclamou no Pleno prazos concretos para a reparación da fonte dos Remedios. Segundo explicou a concelleira nacionalista María Otero, “actualmente está levantado boa parte do banco de cantería" que rodea esta obra neoclásica, o que segundo os edís do BNG ten provocado molestias na veciñanza do barrio.

O voceiro nacionalista, Henrique del Río, lembrou que o BNG xa solicitou no Pleno o amaño da fonte dos Ánxeles, tamén neoclásica, e a chamada “da señora Jesusa”, na Xerpe. Ambas iniciativas foron presentadas polos nacionalistas o pasado ano e a pesar disto “e dos plans de mantemento insistentemente anunciados polo PSOE non se fixo nada por preservar estes exemplos da arquitectura tradicional”, denuncia o portavoz do BNG.

“Esta non é forma de conservar o patrimonio”, advirten os nacionalistas, que temen que a obra se continúe deteriorando. Por este motivo, reclamaron do goberno local do PSOE unha explicación sobre os motivos que levaron á fonte dos Remedios a presentar o estado actual e reclamaron que se concreten “prazos para reparala e conservala dignamente”.

Nova asemblea aberta sobre a antena de Viraventos

A menos de 200 metros desta fonte atópase a controvertida antena de telefonía móbil de Viraventos. O BNG ten convocado unha nova asemblea aberta para o día 10 a partir das 20:30 h no local social do barrio, situado na rúa Saavedra Meneses.